A atención sanitaria na Mariña está a sufrir un descalabro que pon en risco a saúde dos e das mariñás e sobrecarga ao escaso persoal que hai

A Plataforma Sanitaria da Mariña denuncia o descalabro  que impera na práctica totalidade dos centros de saúde da comarca, onde case ningún/ha profesional, tanto médic@ como  de enfermería están a ser substituídos cando se ausentan por vacacións, baixas, xubilación ou calquera permiso. Esta caótica situación está a provocar sobrecarga asistencial dos e das profesionais, que están a facer un sobreesforzo moi importante para tentar dar solución aos problemas de saúde tanto de residentes coma de persoas desprazadas. Dado que moitas veces asumen axendas desproporcionadamente elevadas e case incompatibles cunha atención de calidade ás persoas, estase a xenerar  nelas unha enorme frustración por non poder desempeñar o  traballo  como deberan e correndo o risco  de afectar á sua saúde mental , física e emocional.

As persoas usuarias están a sufrir, por outra banda, agardas nas súas citas de moitos días, da orde de quince, vinte ou máis , polo que se ven na obriga moitas de veces de acudir ao seguinte nivel asistencial, bastante mermado de persoal tamén, chegando a producir colapsos do mesmo.

A práctica totalidade dos centros sanitarios están con plantillas moi mermadas.

Sumado ás eivas denunciadas desde antes do período estival e mesmo convocando concentracións en diversos puntos para poñer o foco do problema tan grave que ten a Mariña , este colectivo ven de saber que en Xove non haberá ningún/ha médic@ no seu centro ate finais de mes, xa que á xubilación  non cuberta dunha das médicas súmase a ausencia da outra facultativa. Desde a Xerencia  dan coma solución cubrir cinco días puntuais do mes   unhas horas en quenda de mañá e tres días pola tarde. O resto de días derivan ao centro de saúde de Burela, xa sobrecargado polo persoal médico que non substitúen e sobrecargando tamén ao persoal de enfermería , que con tres persoas que estaban hoxe para os máis de dez mil habitantes, teñen que asumir os actos sanitarios derivados da atención médica desas persoas derivadas a  Burela.

Desde o pasado mes de xullo  o concello de Cervo quedou cunha soa facultativa para atender a todo o concello de Cervo , despois de que rescindira o seu contrato o médico que atendía o consultorio de Cervo e que unha das médicas de San Cibrao collera vacacións.Neste mes de agosto a situación non variou porque colle vacacións a outra facultativa. Lembremos que o concello de Cervo ten unha poboación de catro mil habitantes ao que hai que sumar toda a poboación desprazada.

No centro de saúde de Ribadeo a situación tamén é pésima, malia  fantasmada en prensa do conselleiro de sanidade e o  alcalde; este último afirmaba textualmente “  ata o de agora o que se está facendo é cubrindo todas as prazas de médicos que hai en Ribadeo, están cubertas , prevese entón unha boa situación asistencial”. A situación real en Ribadeo é que hai tres xubilacións non cubertas de médicas de familia, algunha desde hai máis dun ano. Para que pareza que está toda a plantilla ao completo o que fan cubrir algúns días, non todos, con médic@s que parchean a situación xa que a atención é puntual , non diaria, e con distintas persoas cada día, polo que a atención diaria e continuada non está garantida.

Convocatoria de concentración en Viveiro.

Desde a plataforma sanitaria volvemos convocar concentración en Viveiro  este xoves 7 de agosto ás 11:30 horas diante do centro de saúde , como estamos a facer desde hai uns meses, concentrándonos o primeiro e terceiro xoves de cada mes. Estas concentracións responden á situación de caos sanitario que está a vivir a localidade desde hai moito tempo e que se agrava no período estival , dada a gran afluencia de visitantes que ten a cidade. Para tentar calar o clamor social e que pareza que hai persoal suficiente o que  ordenou a Xerencia foi o peche das quendas de tarde e tod@s @s profesionais pasaron ás quendas de mañá. “ Máis  estamos lonxe de contar cos once profesionais de medicina de familia que ten que haber en Viveiro e dous pediatras, a maiores do persoal de enfermería que falta por vacacións e que non se está a substituir”- comenta a coordinadora do servizo.

É por iso que chamamos a todas as veciñas e veciños de Viveiro, de localidades veciñas e de toda a Mariña para que acudan a esta concentración, pois temos que seguir denunciando a situación crítica da sanidade pública viveirense e da Mariña, xa que “  por moito que se  prodigue  a alcaldesa de Viveiro en fotos coa Xerencia, a atención sanitaria non está garantida  mentras non estén os e as once médicas de familia e dous pediatras de xeito estable”– conclúen.

Plataforma Sanitaria da Mariña.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com