A Audiencia Provincial de Lugo condena a dous anos de cárcere ao agresor dun home que, como consecuencia das lesións, sufriu a perda case total da visión dun ollo. Ademais, a sala imponlle a prohibición de aproximarse á vítima durante tres anos, así como o pago dunha indemnización de 128.747 euros polos danos causados.
Os maxistrados entenden probado que o acusado, tras unha discusión previa, propinou unha puñada ao prexudicado na cara, á altura do ollo esquerdo. Como consecuencia das feridas, o denunciante foi incapacitado para a súa profesión habitual.
O tribunal, tras valorar as probas, conclúe que o sospeitoso actuou con dolo ao agredir á vítima, aínda que non considera que o resultado da perda de visión fose premeditado. “Trátase ademais dunha acción illada, non premeditada, pois máis ben atopámonos ante un encontro casual entre a vítima e o acusado, sendo significativo que é o acusado a persoa que sae primeiro do local, sen que conste acreditada unha premeditación ou provocación previa á hora de acometer a agresión, que se produce nun lugar público, tras unha breve discusión”, salienta no fallo.
Na sentenza, sinala que, aínda que o inicio da acción é “plena e tipicamente doloso, tendente a menoscabar a integridade física da vítima”, o resultado -privar da funcionalidade dun órgano principal- “non pode considerarse como o natural, frecuente ou habitual”. Así, os xuíces consideran ao acusado “autor dunha infracción dolosa en canto o que quixo executar e culposa ou imprudente no que escapa claramente á previsión do mesmo”.
A sentenza é susceptible de recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza.






