Vía Galega vén promovendo diferentes campañas e iniciativas para propagar e popularizar os símbolos nacionais, nomeadamente o himno e a bandeira.
O ano pasado, inauguraron como semana de exaltación e exhibición da bandeira a semana coincidente co aniversario do desenvolvemento, durante o 17 e 18 de novembro de 1918, da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala. Asinaban aquel manifesto, entre outras, personalidades tan sobranceiras coma A. R. Castelao, R. Cabanillas, Losada Diéguez, Peña Novo, Vicente Risco, V. Taibo, A. Villar Ponte, R. Villar Ponte e X. V. Viqueira.
O sábado, día 18 de novembro, Vía Galega realizará actos expansivos, ás 12.00 horas, en diferentes localidades de toda Galicia, que consistirán, xunto co izado da bandeira galega, recitar poemas relativos á bandeira e á lectura do manifesto referido a xénese e significado destes símbolos, a relevancia do manifesto nacionalista das Irmandades da Fala e ao dereito a exercer e existir como galegos e galegas. Na provincia de Lugo, este acto terá lugar en Lugo cidade, A Mariña, a Pobra de Brollón e Samos.