A Audiencia de Lugo condena a prisión permanente revisable á muller que asasinou á súa filla en Muimenta

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou, de acordo co veredicto do tribunal do xurado, a prisión permanente revisable á veciña de Muimenta que asasinou á súa filla de sete anos durante a madrugada do 3 de maio de 2019. O xurado descartou que tivese afectadas as súas facultades mentais e concluíu que matou a menor “de maneira querida e premeditada”. Así, considerou probado que, coa finalidade de acabar coa vida da súa filla, cando estaba na cama con ela, pois durmían xuntas, subministroulle un fármaco con efectos sedantes e, seguidamente, “asfixiouna coas súas propias mans, para o que puido empregar, ademais das súas mans, algún dos obxectos que había na habitación -un coxín-”.

A vítima, segundo a sentenza, careceu de calquera posibilidade “de reaccionar ou de defenderse” do ataque da súa nai. O xurado, a pesar de considerar que a acusada tiña “un trastorno de personalidade que lle afectaba á súa capacidade de relacionarse e expresarse”, concluíu que, no momento dos feitos, ese trastorno “non lle impedía ter a plena capacidade para comprender e entender a ilicitude do acto axuizado”.

Ademais, entendeu acreditado que antes dos feitos indagou en internet “sobre os medios cos cales podía acabar coa vida da súa filla”, así como que cando cometeu o crime era “coñecedora da intención do pai de modificar e incrementar legalmente o réxime de visitas, co fin de que puidesen pasar máis tempo xuntos”.

“A consideración de que o delito o é de asasinato e non de homicidio simple derívase de que, como ben indica o xurado, a nai era, como tal, a garante de que á nena non lle ocorrese ningún mal e de que, ao durmir ambas xuntas, a nena se sentise protexida de calquera tipo de perigo que lle puidese ocorrer”, explica o maxistrado presidente do tribunal na sentenza, quen destaca que, por iso, “a súa capacidade de reacción víase claramente diminuída”. Ademais, lembra que a nena se atopaba “en estado somnolento” e subliña que a subministración do fármaco, aínda que fóra en pouca cantidade, “tamén houbo de diminuír a súa capacidade de resposta ou reacción”. Por último, lembra que “a propia idade da nena, comparada coa da súa nai, necesariamente fixo que a súa reacción fose mínima e que a súa resposta ao ataque, claramente aleivoso por imprevisto e por sorpresa, fóra tamén mínima”. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de apelación ante o TSXG.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com