A Audiencia Provincial apoia a creación dun Xulgado de Violencia de Xénero

A edil do BNG no Concello de Lugo, Maite Ferreiro agradeceu o apoio do presidente da Audiencia Provincial, José Antonio Varela Agrelo, en relación á proposta de creación dun Xulgado Específico de  Violencia de Xénero para Lugo. Segundo Maite Ferreiro “é moi importante que esta sexa unha proposta da sociedade lucense e non dunha formación política” e engadiu “queremos agradecer a resposta positiva do Presidente da Audiencia Provincial por que sabemos que é fundamental para conquerir este obxectivo”. Ferreiro lembrou, tamén, o apoio recibido dende o Consello Galego da Avogacía e dende o Colexio de Avogados de Lugo á proposta.

O presidente da Audiencia comunicoulle a Maite Ferreiro que trasladará a proposta á Comisión Mixta Xunta-Estado competente para decidir sobre a creación deste xulgado. Varela Agrelo manifesta, na carta enviada á edil do BNG, que comparte a iniciativa de creación deste xulgado específico para Lugo. Maite Ferreiro trasladara un escrito a diversas institucións e estamentos que forman parte da Comisión Provincial de Violencia de Xénero solicitando apoio para esta proposta.

Tamén a Subdelegada do Goberno en Lugo anunciou que esta proposta será tratada na Comisión Provincial contra a Violencia de Xénero. A través dunha carta dirixida a Maite Ferreiro, a Subdelegada do Goberno avanzou que incluirá este asunto na Comisión Provincial de Violencia de Xénero. “Estamos satisfeitas co apoio destas institucións e imos seguir traballando a pé de rúa e nas institucións para que as mulleres de Lugo avancemos cara un mundo máis igualitario”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com