A Audiencia Provincial de Lugo vén de emitir seis sentenzas que resolven recursos de apelación en litixios entre particulares e empresas automobilísticas no marco das reclamacións xurídicas derivadas da existencia do cártel dos coches, que afecta a compravendas de vehículos entre 2006 e 2013. En todos os casos, o tribunal valora favorablemente a apelación das e dos clientes afectados para que a indemnización se calcule non no 2% senón no 5% do prezo de compra. Esta porcentaxe derívase da xurisprudencia do Tribunal Supremo cun caso semellante, o cártel de camións.
Todas as sentenzas foron ditadas entre mediados do pasado mes de abril e o presente mes de maio. En todos os casos, Xoán Antón Pérez-Lema Avogados e Consultores levou a cabo a defensa legal das e dos consumidores afectados. O perfil deste consumidor é o dunha persoa que adquiriu un vehículo entre os anos 2006 e 2013 e que pagou un sobreprezo, consecuencia da manipulación dos prezos de mercado derivada das prácticas das empresas automobilísticas, que actuaban como cártel, practicando unha conduta anticompetitiva.
Entre as marcas implicadas nos casos que reavaliou o tribunal lugués atópanse Ford, Nissan, Peugeot ou Opel.
As sentenzas son firmes e contra elas non cabe recurso ordinario de ningún tipo.
Post Views: 0