A baixada do prezo do leite imposta polas industrias fará perder os gandeiros de Lugo 90 millóns de €

Segundo Unións Agrarias, 89,2 millóns de euros será a cantidade que as explotacións de leite de Lugo deixarán de ingresar este ano a consecuencia das reiteradas baixadas de prezo impostas polas industrias.

A redución de tarifas que “as granxas se viron na obriga de aceptar, primeiro en abril e agora de novo neste mes de agosto, suporá unhas perdas de máis de 38.000 euros para cada unha das 2.344 granxas existentes nesta provincia. Unha caída de ingresos imposta sen xustificación de mercado e á marxe das obrigas que estipula a Lei de Cadea Alimentaria que Unións Agrarias denunciará ante a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia e ante as AICAs autonómica e estatal”.

Logo da renovación de contratos deste mes de agosto, ”o prezo medio que os gandeiros galegos perciben por litro de leite sitúase nos 0,48€; case 11 céntimos por debaixo do que cobraban a comezos de ano. As sucesivas rebaixas impostas de xeito unilateral polas industrias prodúcense sen que exista ningunha razón de mercado que as avale. E, o que é peor: totalmente á marxe da evolución dos custos dos insumos, o que na práctica supón obrigar ás explotacións a cobrar por debaixo de custos de produción”.

“Dos 198 millóns de euros que as ganderías de leite galegas deixarán de ingresar neste 2023 a causa desta actitude ilícita das industrias 89,2 corresponden a Lugo. Por comarcas, as perdas serán de 26,7 millóns de euros para a Terra Chá. A caída de ingresos na contorna de Lugo será de 21,2 millóns de euros; 11,7 millóns para Sarria; 8,6 Chantada; 5,3 Meira; 4,8 A Mariña Oriental; 3,1 Terra de Lemos; máis de 900.000 euros na Fonsagrada; 692.000 na Mariña Central; e 644.000 euros nos Ancares” Denuncia o sindicato.

Este feito, “sumado á resistencia das industrias a negociar contratos e aos reiterados incumprimentos no que á duración e prezos de presentación dos mesmos se refire, servirá de fundamento para as denuncias que Unións Agrarias xa está a preparar. Unhas demandas que a organización agrogandeira levará ante a AICA galega e estatal e tamén ante a Comisión Nacional do Mercado e da Competencia; un organismo que no 2019 xa impuxo unha sanción millonaria ao cártel do leite por pactar prezos á baixa de xeito ilícito” Subliñan dende o sindicato agrario..

Recollida de sinaturas

Igualmente, a organización agrogandeira impulsará a partir do mes de setembro unha recollida de sinaturas co obxectivo de trasladar e facer partícipe á opinión pública destas “discriminacións”. O obxectivo, alén de visibilizar “a actitude das industrias, é dar forma a unha fronte de presión cidadá para instar á Xunta de Galicia a actuar, vetando o acceso das firmas que incorran en prácticas ilícitas ou discriminatorias a axudas públicas”.

Unións Agrarias destaca tamén o caso concreto de “Central Lechera Asturiana; unha firma cunha actitude especialmente sangrante por discriminatoria, xa que aplica tarifas diferentes aos gandeiros segundo a súa ubicación: ata sete céntimos menos para un galego que para un asturiano”.

Mentres “as industrias forzan estas reiteradas baixadas do prezo do leite en orixe, o que os consumidores pagan nos puntos de venda por ese mesmo leite non ten sufrido variacións. Así, no que levamos deste 2023 o PVP do leite de marca branca mantívose estable en 0,90€/litro, mentres que o prezo percibido polos gandeiros acadou unha media de 0,552 €/l; o que supón unha baixada do -6,2% respecto do prezo rexistrado en xaneiro (0,588€)”.Rematan.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com