A Banda Municipal non celebrará este ano os tradicionais concertos de verán

O grupo municipal de Cidadáns revelou esta mañá que a Banda de Música Municipal non participou o pasado día 10 de xuño por primeira vez na súa historia na tradicional Ofrenda do Antigo Reino de Galicia e non levará a cabo tampouco este ano o tradicional programa de concertos de verán, que se viña desenvolvendo en distintos puntos da cidade, como por exemplo todos os xoves na Praza Maior, por non ter quen a dirixa.

Olga Louzao, que preguntou esta mañá na Comisión de Cultura ao Goberno municipal pola situación na que se atopa a Banda, denunciou que “vive unha situación de absoluta anarquía: está sen director desde finais de novembro de 2016, cando se xubilou o anterior director, Rosendo Ivorra, moitos dos seus 16 compoñentes non veñen ensaiar desde hai máis dun ano e a conflictividade foi en aumento até o punto de que foron presentadas xa tres denuncias cruzadas por lesións, insultos e falta de respecto continuada entre distintos músicos”, relatou a  voceira de Cidadáns, que considerou “lamentable” a situación actual da Banda, tendo en conta que se trata dunha das formacións musicais máis antigas de Galicia, xa que foi creada no ano 1869 e tivo entre os seus primeiros directores ao insigne músico lucense Xoán Montes.

“Moitas outras cidades presumen de Banda Municipal e téñena como un dos seus principais orgullos. A Banda de Lugo é unha das de máis historia de Galicia pero este Goberno está deixándoa esmorecer. O vindeiro ano debería celebrar por todo o alto o seu 150 aniversario pero a súa situación na que se atopa non o permite por falta de dirección política deste Goberno, que a abandonou á súa sorte”, denunciou esta mañá Olga Louzao.

Por iso, Cidadáns esixe á alcaldesa que tome medidas de xeito inmediato e “deixe de mirar para outro lado”, dado que os seus concelleiros, Carmen Basadre, da que depende a Banda Municipal, Manuel Núñez, de quen depende a Escola de Música, e Daniel Piñeiro, responsable de Persoal, “non fixeron nada para atallar esta situación”. “Os membros da Banda non están ensaiando neste momento, segundo recoñeceu esta mañá na Comisión de Cultura a concelleira Carmen Basadre e iso é unha responsabilidade do Goberno municipal porque é o encargado de facer cumprir aos traballadores municipais, entre os que están os músicos da Banda, o seu horario laboral”, indicou Olga Louzao, que, dixo, “os salarios aos músicos da Banda páganse con cartos de todos os lucenses”. Para Cidadáns , “é urxente que o Goberno cubra de inmediato a praza vacante de director para que a Banda retome a súa actividade”.

Olga Louzao teme ademais que “esta situación de extrema conflictividade e enfrontamento entre os membros da Banda Municipal salpique tamén o funcionamento da Escola de Música e poña en risco o seu funcionamento e continuidade de cara ao vindeiro curso”. “Pedímoslle ao Goberno municipal que tome medidas porque os máis de 700 usuarios da Escola de Música, moitos deles nenos e nenas, non teñen culpa ningunha desta situación”, indicou a voceira de Cidadáns no Concello, que esixe directamente á rexedora “que tome cartas no asunto para garantir a continuidade da Escola de Música e para dar seguridade ás familias e usuarios de cara ao curso que vén xa que os seus dous concelleiros con competencias no asunto, a responsable de Cultura, Carmen Basadre, e o de Educación, Manuel Núñez, non o fan”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com