A casa niño de Xermade ofrece un servizo de conciliación a cinco familias da localidade

A Consellería de Política Social financia en Xermade unha Casa Niño que atende na actualidade a cinco nenos e nenas de entre 0 e 3 anos de idade, un recurso de conciliación que é gratuíto para as familias. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, percorreu hoxe as instalacións da man da promotora, Laura Novo, que leva dous anos de traxectoria con este proxecto pioneiro orientado aos núcleos rurais de Galicia.

Balseiro sinalou que o programa está a funcionar de xeito “altamente satisfactorio” e que por elo a Xunta estenderá proximamente a rede de centros, que serven “como fórmulas de autoemprego e de dinamización social” en áreas que, por mor da súa escaseza de poboación, carecen de recursos de atención continuada á infancia.

As Casas Niño proporcionan atención a nenos e nenas en pequenos grupos -máximo cinco-, de xeito flexible e con garantías de seguridade e calidade; comprende a atención específica das súas necesidades básicas de alimentación, hixiene e descanso de acordo coa súa idade e a contribución ao seu desenvolvemento físico, motor, afectivo, intelectual e social.

As familias poderán levar aos nenos e nenas un máximo de oito horas diarias nun horario flexible que se pactará co profesional responsable do proxecto. Desenvólvense na modalidade de atención diurna e de luns a venres durante todo o ano agás os días festivos e un mes cada doce, en que a Casa Niño permanecerá pechada por vacacións (período que tamén se pactará coas familias).

Para que sexa posible a gratuidade do servizo para as familias, a Xunta financia os gastos necesarios para a reforma das instalacións e a posta en marcha do servizo, con subvencións de ata o 100 % dos gastos elixibles e un límite global por Casa Niño de 15.000 euros.

Igualmente, a Consellería outorga unha achega económica de 19.600 euros ao ano en forma de prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora no inicio da súa andadura. O período mínimo de permanencia da actividade subvencionada será de 3 anos. Balseiro incidiu na importancia de “proporcionar ao rural oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, co que tamén estamos mellorando as posibilidades de fixar poboación moza nestes concellos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com