A CIG denuncia a actitude do delegado da Xunta en Lugo ante as protestas das traballadoras da limpeza que tiveron lugar esta mañá.
Estas mulleres instalaron unha caravana reivindicativa diante da explanada do edificio multiusos da Xunta “co obxectivo de darlle visibilidade á súa loita e reclamar a intervención da administración autonómica”, sinala o sindicato. A pesar de contar cos permisos pertinentes para levar a cabo a protesta -que comezou sen ningún incidente-, denuncian que unhas horas despois a policía autonómica pedíalles a retirada do vehículo da praza na que estaba.
Segundo a CIG, a praza da que tiveron que retirar o vehículo era de uso exclusivo para o delegado territorial da Xunta. “Dá a impresión de que a Javier Arias lle molestaba ver ás traballadoras da limpeza facendo uso da súa praza para reivindicar algo tan xusto como un salario digno. Parece evidente que lle causa molestia a loita destas compañeiras”, critica Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos. Dende o sindicato tamén lamentan que se chegara a recorrer á policía autonómica para trasladar a caravana “cando este corpo non ten competencias sobre tráfico”.
A representante sindical subliña que a caravana non molestaba a ninguén e que o edificio conta con aparcamento soterrado con prazas reservadas para o persoal da Xunta.
Para Castiñeira esta decisión é consecuente coa postura mantida até agora pola Xunta neste conflito, “obviando a responsabilidade da administración galega a pesar de ser a principal contratista das empresas da limpeza que integran a patronal estatal ASPEL”.
Rexeitamento á ampliación dos servizos mínimos
Doutra banda, a CIG tamén lamentaba nun comunicado as declaracións realizadas este martes pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciando que se van ampliar os servizos mínimos nalgúns colexios. A central considera que son suficientes e non cabe estabelecer unha actividade maior xa que se estaría vulnerando o dereito á folga das traballadoras. “Menos aínda cando, á vista da actitude patronal, esta é a única ferramenta que lles queda ás traballadoras para conseguir unhas condicións de dignidade”, aseguran.
Incrementar os servizos mínimos, matiza Castiñeira, axudaría ademais a deixar sen efecto a folga, boicoteando así a loita que as traballadoras están sostendo dende hai máis dun mes. “A situación na que se atopan os colexios e o resto de dependencias públicas e privadas é consecuencia da falta de vontade da patronal de chegar a un acordo”, afirmou Castiñeira.
“Ás portas do 25 de Novembro de nada valen as grandilocuentes declaracións institucionais se despois se consinte que as empresas con beneficios millonarios manteñan na total precariedade ás traballadoras. Porque ter un convenio por debaixo do SMI tamén é violencia contra as mulleres”, rematou o sindicato nun comunicado.