" />

A concurso a explotación do Mazo de Santa Comba e o Club Náutico Ponte do Sil

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou hoxe a apertura do procedemento de concorrencia pública para adxudicar por concurso a explotación as instalacións provinciais do restaurante do Mazo de Santa Comba, en Lugo, e do Club Náutico Ponte do Sil, en Monforte de Lemos.

No caso do restaurante do Mazo de Santa Comba o prezo mensual fixado é de 400€, é dicir, 4.800€ ao ano. E no caso da xestión do Club Náutico de Ponte do Sil, o prezo mensual é de 450€ ao mes, é dicir, 5.400€ ao ano. Nos dous lugares, a Deputación avaliará para a súa adxudicación o prezo ofertado polas empresas, os investimentos en equipamento propostos para as instalacións, e a memoria técnica e xestión empresarial presentada. A concesión é por 2 anos, e con posibilidade de dúas prórrogas máis dun ano cada unha. Farase unha concesión demanial, o que significa que o gañador ou gañadora do concurso terá o aproveitamento privativo e temporal destes bens.

A voceira do Goberno explicou que coa apertura da convocatoria pública para a explotación destes dous bens da Deputación o que “pretendemos non é obter unha renda económica, senón promover o seu uso e manter activas as instalacións para que sexan aproveitadas pola cidadanía”.

Avanzou que dende a institución provincial “somos conscientes de que estas dúas infraestruturas están situadas en enclaves turísticos atractivos e en auxe”, e recalcou que “con anteriores concesións situáronse como lugares de referencia para aquelas persoas que se achegan á provincia pola súa ubicación, atención e servizos”.

Ademais, a Deputada incidiu en que “o seu funcionamento enriquece a oferta turística da provincia. Dende aquí, queremos animar a todas aquelas persoas que teñan a ilusión e ganas de dirixir e poñer en marcha estas dúas instalacións provinciais a que presenten as súas ofertas”.

Con respecto á cafetería do Club Náutico de Ponte de Sil afirmou que a Deputación desenvolveu un conxunto de obras de mellora e regularización das instalacións. “Por unha banda, fixéronse as actuacións necesarias para instalar unha estación de depuración de augas ás que destinamos uns 23.000€. E, por outra banda, instalouse unha plataforma elevadora para mellorar a accesibilidade neste lugar cun investimento de 15.180€”, detallou a Deputada.

O Club Náutico Ponte do Sil atópase ó carón do embarcadoiro da Deputación de onde parte unha das rutas en catamarán que a institución ten en funcionamento na Ribeira Sacra. Atópase nun lugar privilexiado con vistas ó río Sil, sendo o complemento perfecto para as persoas que desfrutan deste entorno fluvial.

O restaurante Mazo de Santa Comba enmárcase nas instalacións do museo etnográfico da Deputación no municipio de Lugo, no lugar de Santa Comba.Está nun enclave atractivo que permite visitar un mazo co que se laminaba o ferro para despois traballalo, varios muíños e un serradoiro, todo isto movido polo río Chamoso. Ten dous comedores e está acristalado, permitíndolle á clientela desfrutar da paz e da tranquilidade que transmiten as augas do río Chamoso.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo