Foto Pleno Foto Pleno

A corporación de Lugo segue botando contas

As contas do Concello para 2016 están enriba da mesa. Os grupos da oposición teñen o borrador dos orzamentos dende hai días (no caso do BNG e Lugonovo incluso dende o mes de decembro), e o equipo de goberno abriu a semana pasada unha rolda de reunións cos portavoces de todos os grupos.

Hoxe mesmo celebrouse unha nova Xunta de Voceiros, que se converteu nunha “reunión máis ben técnica” coa presenza do interventor, dixo a alcaldesa, na que trataron “máis sobre cuestións e dúbidas que de propostas políticas”. Isto foi así, segundo Méndez, por decisión do goberno, despois de “corroborar que non todos os grupos pasaran polos distintos servizos para aclarar dúbidas”.

Unha amoestación da alcaldesa á oposición, seguida doutra reprimenda, clara e directa. “Ningún grupo nos trasladou ningunha proposta, cando nós así llo pedíramos para coñecer cales son as súas prioridades, onde queren investir, cales son as súas liñas estratéxicas ou mesmo propostas concretas”, afirmou a rexedora.

A oposición responde. A principal queixa dende que comezaron as conversas é a falta de documentación e de datos, sobre todo en relación co capítulo de investimentos. “Como se pode falar de propostas e proxectos sen saber os cartos dos que dispoñemos?”, asegurou o voceiro popular, Jaime Castiñeira, que lamenta que o goberno está pedindo concreción á oposición cando “temos uns orzamentos de papel, no aire. Non hai xestión, nin ideas, nin traballo”, lamentou, engadindo que o goberno só busca “gañar tempo para dicir que se fai o que non se fai”.

O BNG-Asembleas Abertas apunta cara a mesma dirección. “É chocante que a estas alturas non se coñeza cal é o plan de investimentos que o goberno ten no seu proxecto de orzamentos, se é que o ten”, dixo o voceiro, Rubén Arroxo. Os nacionalistas corrixen á alcaldesa: “É o goberno quen ten que presentar unha proposta que despois será matizada polos grupos da oposición” e lembrou que a formación nacionalista “xa fixo públicas un bo número de propostas para incluír nos orzamentos e, a pesares de que non sabemos se van ser tidas en conta, o goberno aínda pide máis propostas”.

Febreiro e sen orzamento

Ambos grupos miran o calendario. “Xa estamos en febreiro e Lugo continúa sen orzamentos” dixo Arroxo, mentres Castiñeira cre que “a este ritmo é moi díficil que en febreiro se poidan debater os orzamentos”. Pero Méndez nega que exista unha “premura” para aprobar os orzamentos “de forma inmediata”.

Así, o próximo paso será celebrar unha Comisión de Contas, que non ten data fixa aínda que será neste mes, tal e como confirmou a rexedora, pero non antes de ter rematadas “algunhas cuestións técnicas, como a modificación do capítulo de Persoal, derivado do incremento salarial do 1%, algo que hai que cuantificar e plasmar no presupostos”.

“Os orzamentos son un tema importante, vannos dar a folla de ruta para este ano”, engadiu a alcaldesa, polo que “é mellora esperar unha semana máis pero facelo ben e traballar en conciencia”. Nesa Comisión de Contas, entón si, presentarase o orzamento definitivo.

 

 

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com