A Deputación abre o prazo para solicitar a participación no programa “Coñece a túa provincia”

A Deputación de Lugo manterá aberto dende mañá xoves, 9 de maio, ata o día vindeiro 23, o prazo de presentación de solicitudes para participar nunha nova edición do programa de viaxes gratuítas para entidades sen ánimo de lucro Coñece a túa provincia. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe as bases da convocatoria desta tempada do 2024, durante a que a Deputación ofrecerá un máximo de 1.840 prazas.

O Coñece a túa Provincia está dirixido a todas as entidades sen ánimo de lucro legalmente constituídas con sede na provincia de Lugo.  Deben presentar unha única solicitude, que poden enviar vía telemática a través da sede electrónica da Deputación; entregala no Rexistro da Deputación previa cita telefónica; en calquera dos rexistros que menciona a Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas; ou tamén nas oficinas de Correos. A orde de prelación da listaxe de entidades admitidas establecerase conforme á de presentación das solicitudes no correspondente rexistro, segundo data e hora que figure na documentación, ata esgotar as prazas dispoñibles. A relación de entidades admitidas e en lista de agarda, se a houbera, publicarase no BOP.

A excursión concedida a cada entidade beneficiaria do programa incluirá o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, servizo de guía oficial de turismo e as entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo.

En cada viaxe poderán participar un máximo de 23 persoas e un mínimo de 15. Estas visitas serán realizadas por profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e polo persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com