A Deputación colabora con Láncara na compra dos terreos e edificios ferroviarios da Pobra

O Presidente da Deputación de Lugo asinou onte co Alcalde de Láncara un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega ao Concello 75.000€ para que poida adquirir os terreos e os edificios ferroviarios que o Adif ten en desuso na Pobra de San Xiao.

Este importe supón practicamente o 66% do financiamento total necesario para a compra desta propiedade, que conta cunha extensión de 21.000 m 2 , mentres que o Concello asumirá os 36.600€ restantes. A sinatura do acordo tivo lugar nas propias instalacións, que se atopan sen actividade tralo desenvolvemento de novos trazados  ferroviarios na provincia.

O presidente provincial subliñou que a creación “dun gran espazo público, cunha ampla zona verde de lecer que unirá co río, e a posta en valor dos edificios ferroviarios, como a antiga estación do tren, terá un impacto moi positivo para o concello a nivel urbanístico, social e económico”.

Neste sentido, o Presidente explicou que o proxecto “suporá un avance importante cara un modelo de urbanismo máis sostible, máis humanizado e cun maior protagonismo para os peóns”. Subliñou que a veciñanza contará con máis e mellores dotacións públicas de ocio, “o que sempre mellora a calidade de vida da xente e axuda a facer comunidade”, pero ademais, “a recuperación destes terreos converterase nun novo atractivo para Láncara, nun elemento que atraerá a persoas doutros municipios para desfrutar dunha oferta de ocio de calidade, familiar e en contacto coa natureza, que é o que máis se valora na saída da pandemia”.

O Presidente puxo en valor a decisión do Alcalde e do equipo de goberno de Láncara de adquirir os terreos para poñer en marcha un proxecto ambicioso para a localidade, ademais se subliñar “a gran capacidade de negociación e de convicción” de Darío Piñeiro á hora de involucrar á Deputación nesta iniciativa. “Os representantes políticos temos a obriga de atender as cuestións do día a día dos nosos veciños e veciñas, pero tamén debemos pensar a longo prazo, ter visión de futuro, e iso é precisamente o que está facendo o Alcalde e o equipo de Goberno de Láncara coa compra destes terreos, impulsar un proxecto de futuro que contribuirá ao desenvolvemento social e económico do concello e a fixar poboación no rural”, manifestou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com