A Deputación colaborará no arranxo de acceso ao Miradoiro do Duque

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou que a entidade provincial colaborará cos concellos de Sober e Monforte para arranxar a pista de acceso ao Miradoiro do Duque, que foi renovado recentemente na súa totalidade polo Concello monfortino para potencialo como un dos grandes reclamos turísticos da Ribeira Sacra.

Segundo explicou José Tomé, responsable directo da área provincial de Xestión Territorial, as tarefas de rexeneración deste acceso serán realizadas cun equipo de rego do Parque Móbil da Deputación, que comezará a traballar a principios da vindeira semana.

As actuacións de mellora empezarán no treito que enlaza a pista de acceso ao miradoiro coa estrada de Castro Caldelas, en territorio de Sober, por ser a zona que se atopa en peor estado debido ao paso de vehículos pesados.

Dende o cruce que vai cara A Lampaza e Os Palleiros ata o propio Miradoiro do Duque, en territorio de Monforte, soamente se levarán a cabo melloras nalgún pequeno bache e nos radios de xiro das curvas, dado que o resto do firme foi arranxado recentemente e atópase en bo estado.

O Presidente da Deputación adquiriu o compromiso de arranxar este acceso do Miradoiro do Duque cos adegueiros e cos hostaleiros da zona durante as reunións que tiveron lugar para a organización do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte a primeiros de xullo. O Miradoiro é un dos lugares máis visitados da comarca porque son estes profesionais os que achegan ata alí aos grupos de visitas que xestionan.

Deste xeito, o Presidente cumpre co compromiso adquirido co sector do viño de ir mellorando as infraestruturas que aportan calidade ás visitas dos turistas que se desprazan a Monforte e ao conxunto da comarca da Ribeira Sacra.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo