A Deputación cumprirá cos compromisos adquiridos de xestión e execución das 18 residencias

O Presidente da Deputación, José Tomé, confirmou no Pleno extraordinario celebrado esta maña que en canto as residencias, o Goberno Provincial cumprirá con todos e cada un dos compromisos adquiridos, non adquirirá ningún novo e seguirá intentado a través do diálogo insititucional que a Xunta asuma a súa responsabilidade

O Presidente cuestionou así mesmo que a voceira do PP non respectase o tempo de cortesía de 100 días de mandato solicitando só 22 días despois de que tomase posesión un Pleno extraordinario “sen que tivera acontecido nada extraordinario. Simplemente empezamos a poñer en marcha o noso acordo de goberno, que xa non está mal”.

A día de hoxe están abertos tres centros –os de Trabada, Ribadeo e Pol- e os restantes proxectos comprometidos son os seguintes: A Fonsagrada, A Pontenova, Becerreá, Castroverde, Cervantes, O Courel, Guitiriz, Meira, Navia de Suarna, Ourol, Pantón, Pedrafita do Cebreiro, A Pobra do Brollón, Portomarín e Ribas de Sil.

Tomé sinalou que A Deputación seguirá adiante con estes compromisos, pero non adquirirá ningún máis porque, como sempre defendeu, mesmo dende que comezou a proxectar a rede pública de residencias, a responsabilidade de impulsar este servizo é da Xunta de Galicia.

O Presidente defendeu “a colaboración institucional, sen deixar de esixir a responsabilidade que ten cada quen”. Así, lembrou que no Estatuto de Autonomía de Galicia, “a nosa Constitución”, atribúese á Xunta de Galicia a competencia exclusiva en materia de asistencia social, polo que, o que lle dixemos é que se aplique o conto e que cumpra co Estatuto porque as competencias están para exercelas”.

Ademais de ratificar esta folla de ruta, o Goberno evidenciou o plantexamento falso co que Elena Candia pediu o pleno sobre os centros de atención a maiores, pois “é falso que o Goberno decidise romper cos acordos que a propia Deputación asinou cos Concellos en materia de residencias, e é falso que identificamos o servizo das residencias como insostible”.

Pola súa banda a voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, considera que o Pleno Extraordinario celebrado esta mañá serviu para que o presidente rectificase no seu plantexamento sobre as residencias. “A súa decisión coñecíamola todos, pero viuse na obriga de rectificar para frear a inseguridade que xerou coas súas declaracións sobre a viabilidade e futuro dos centros construídos e dos que están proxectados”, afirma. Por este motivo, lamenta que o socialista, “para xustificar as súas declaracións sobre este asunto e a súa entrada na Deputación”, intentase culpabilizar aos medios de comunicación das mesmas.

Dende o PP consideran que se logrou o obxectivo, que era acadar o compromiso de execución e xestión dos 18 centros proxectados por parte do organismo provincial, pero adiantan que seguirán de preto as xestións que emprendan ao respecto, co fin de que realmente se faga realidade a palabra dada hoxe no Pleno, pois “dicir dixo que si o farían, pero, sen embargo, votar votou en contra”; o que demostra que “o PSOE cambia, unha vez máis, de idea sobre a marcha cos conseguintes prexuízos para as persoas. Por exemplo, ao máis estilo Open Arms”, conclúe.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com