" />

A Deputación da o visto e prace ao convenio do Centro de Maiores de Meira para abrilo no verán

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres o convenio específico do Centro de Atención a Maiores de Meira. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, informou de que unha vez asinado pola Deputación e o Concello rematarían os trámites administrativos. “Este paso permítenos avanzar ao obxectivo marcado e poder abrir este centro de cara ao verán, e que suporá un investimento de máis de 850.000 euros en tres anualidades. Nas vindeiras semanas daremos a coñecer o calendario para a solicitude de praza, e será nese momento cando as persoas interesadas poidan presentar a solicitude”, sinalou o Deputado.

Rivera Capón destacou que “este convenio establece a prioridade de acceso ás prazas para os veciños e veciñas de Meira; en segundo termo para os dos municipios limítrofes ou da comarca; e despois, para a veciñanza da provincia en xeral”. Así mesmo, recolle que o organismo provincial comprométese a efectuar o financiamento previsto, a actuar como órgano de contratación e a impulsar un equipo técnico especializado no ámbito dos servizos sociais.

Pola súa banda, o Concello comprométese a colaborar coa institución provincial e a facer as achegas económicas previstas. O Centro de Maiores de Meira contará con 30 prazas de residencia, ampliables a 38 nun futuro se fose preciso, e 20 de centro de día. “Semanas atrás licitamos o contrato para a dotación de equipamento que permitirá o aumento do ancho das camas dos 90 cm habituais, a 105 cm.Esta pequena ampliación mellorará o descanso e a comodidade dos residentes”, lembrou o Deputado provincial.

“Seguimos dando pasos importantes para cumprir cos compromisos desta Deputación cos concellos e coa veciñanza da provincia en materia de residencias. Con este contrato damos un paso importante de cara a cumprir coa nosa previsión de abrir o centro de cara ao verán”, afirmou o Deputado. Xunto a Meira, a Deputación de Lugo agarda pór en marcha, antes de mediados de ano, o centro de Pedrafita do Cebreiro. Así, coa apertura de Navia de Suarna a
finais de ano, permitirá aumentar a rede provincial de residencias das 5 actuais -Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada e Castroverde-, ata 8.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo