A Deputación dará luz verde a unha nova edición do Lugo Termal

O Presidente da Deputación, José Tomé, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, avanzaron este xoves no balneario de Augas Santas, en Pantón, que a Xunta de Goberno dará luz verde mañá venres a unha nova convocatoria de Lugo Termal, o programa co que dende hai xa oito anos a institución provincial favorece o benestar social e impulsa o turismo termal ofrecendo descontos aos veciños e veciñas maiores de 55 anos para facilitarlles o acceso a estes establecementos e recibir terapias mineromedicinais durante os vindeiros meses, ata xuño do 2020.

“É unha iniciativa que funciona moi ben, conta cunha alta participación ano tras ano, acadando preto dos 1.000 usuarios, redunda no benestar dos nosos veciños e veciñas, e dinamiza tamén a economía a través do impulso do termalismo, no que a nosa provincia é unha potencia. Por iso, desde a Deputación de Lugo apostamos por esta nova edición”, afirmou o Presidente. O período de solicitudes iniciarase a vindeira semana. Como en edicións anteriores, deberán ser presentadas no Rexistro da Deputación de Lugo, con sede en San Marcos. A convocatoria é en exclusiva para maiores de 55 anos empadroados na provincia.

O Balneario e Termas de Lugo, o Hotel Balneario Río Pambre de Palas de Rei e o Hotel Balneario de Augas Santas de Pantón son os tres establecementos participantes no programa de termalismo da Deputación. Un ano máis, poderase optar por dúas modalidades: con estancia e sen estancia. O prezo da praza a pagar polos usuarios e usuarias con estancia será de 189,50 euros por seis días e cinco noites a pensión completa. Sen estancia, o prezo da
praza será de 200 euros por dez días de luns a venres. Este ano estarán dispoñibles para os lucenses un total de 1.351 prazas: 1.113 con estancia e 238 sen estancia; con descontos de máis de 60 euros para recibir terapias mineromedicinais.

A modalidade sen estancia é un dos puntos diferenciais da proposta termal da Deputación de Lugo fronte a outras Administracións, porque permite a conciliación deste plan coas persoas do rural. A flexibilidade do programa Lugo Termal permite aos traballadores do sector agrogandeiro non ter que abandonar as súas explotacións para poder desfrutar desta oferta.

Os beneficiarios das prazas poderán acudir cun acompañante, que tamén terá a posibilidade de desfrutar destes descontos aínda non tendo máis de 55 anos. Outra das características diferenciais do programa de termalismo provincial é que permite o acompañamento de persoas con discapacidades físicas, psíquicas ou sensoriais, garantindo o seu acceso e goce dos tratamentos termais.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo