A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, presentou no Pazo de San Marcos a nova estratexia de intelixencia artificial da institución, denominada MencIA. O acto contou coa participación do deputado Pablo Rivera Capón e responsables técnicos da Deputación, ademais de alcaldes, alcaldesas e persoal da entidade provincial.
A iniciativa busca impulsar unha transformación dixital propia, baseada en código aberto, co obxectivo de mellorar os servizos públicos e apoiar especialmente aos pequenos concellos da provincia. Carmela López destacou que a intelixencia artificial debe contribuír á cohesión territorial e á igualdade de oportunidades, tendo en conta que a maioría dos municipios lucenses teñen menos de 20.000 habitantes.
MencIA aposta por un modelo con control institucional dos datos, supervisión humana e transparencia, no que tamén terá un papel destacado o uso do galego. A proposta será levada ao Pleno provincial o próximo 26 de maio para a súa aprobación oficial como estratexia da Deputación para o período 2026-2030.
A estratexia estrutúrase en catro grandes piares: gobernanza e cumprimento normativo, transformación dixital interna, apoio aos municipios e innovación territorial. Ademais, contará cun Laboratorio MencIA, unha infraestrutura tecnolóxica propia para desenvolver sistemas de IA de código aberto.
Entre as ferramentas previstas inclúense aplicacións para resumir documentos, transcribir audios, xestionar correos electrónicos ou analizar convocatorias públicas, así como asistentes virtuais especializados en contratación, función pública ou atención ao usuario.
O proxecto desenvolverase ao longo de catro anos. A primeira fase incluirá a posta en marcha de oito aplicacións e nove asistentes, mentres que entre 2027 e 2028 está previsto o despregamento interno completo do sistema.





