A Deputación destina 40.000 euros ao proxecto de construción da residencia de Pantón

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, avanzou que mañá venres o Executivo provincial aprobará en Xunta de Goberno destinar 40.000 euros á redacción do proxecto de construción dunha residencia de maiores en Pantón. Campos Conde cumpre deste xeito coa palabra dada á Corporación Municipal esta mesma semana, pois comprometeuse con asumir estes traballos dende o organismo provincial. Estes fondos, procedentes do orzamento deste ano, sumaranse aos 500.000 que o Presidente incluíu na súa proposta de Presuposto para 2019, de aprobarse o mesmo polo Pleno. A Corporación Municipal tamén se comprometeu á colaborar co financiamento da redacción do proxecto mediante unha achega duns 5.000 euros.

Campos Conde avanza deste xeito coa súa proposta de dotar dunha residencia aos veciños de Pantón, un dos municipios co índice de envellecemento máis alto da provincia e incluso de Galicia, pois máis do 55% dos seus habitantes superan os 65 anos. Tamén o fai a Corporación municipal deste Concello, pois apoia, comparte e colabora coa iniciativa do Presidente da Deputación.

A construción desta residencia é unha vella demanda dos veciños de Pantón á que nunca se lle deu resposta. O Goberno da Deputación e a Corporación Municipal tentarán acadar a colaboración da Xunta, que antes das eleccións municipais de 2015 asegurou publicamente que executaría este centro e non o fixo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com