A Deputación destinará 500.000 euros a unha residencia en Pantón

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, mantivo hoxe un encontro coa Corporación Municipal de Pantón para adiantarlles que na súa proposta de Orzamento da Deputación para 2019 decidiu incluír unha partida de 500.000 euros co fin de poder dotar a este municipio dunha residencia. Campos Conde explicou que “Pantón é un dos Concellos da nosa provincia e incluso de Galicia coa maior taxa de maiores, pois máis do 55% dos seus veciños superan os 65 anos. Creo que é necesario a dotación deste servizo público para que os nosos maiores poidan vivir con dignidade na súa localidade. Tamén creo que esta prestación pode supor unha oportunidade para o municipio e o Sur da nosa provincia, unha das zonas máis afectadas polo despoboamento demográfico”.

Campos Conde lembrou que a construción desta residencia “é unha vella demanda dos veciños de Pantón á que nunca se lle deu resposta por parte da administración coa competencias directas na materia, que é a Xunta de Galicia”. Esta foi, precisamente, unha das razóns polas que o executivo de Darío Campos aposta por incluír esta partida no proxecto de Orzamentos para 2019 “agardando a colaboración do Goberno galego, ademais da necesaria aprobación do presuposto provincial para o vindeiro ano”.

A Corporación Municipal acolleu con moita alegría a proposta do Presidente, comprometéndose a colaborar en todo o posible co Goberno da Deputación para facer realidade este ansiado proxecto mediante a concesión de terreos e unha achega económica de 200.000 euros.

Xuntos tentarán acadar a colaboración da Xunta, tendo en conta que antes dos comicios municipais de 2015 o Executivo autonómico asegurou publicamente que executaría este centro. A Corporación Municipal aprobou ademais por unanimidade unha proposta do Grupo Municipal Socialista para que o Goberno galego cumprise coa súa palabra e fixese a residencia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com