A Deputación impulsa as I Xornadas Apícolas e a XXVI Feira do Mel de Lugo

A primeira edición das Xornadas Apícolas, organizadas pola Asociación Provincial Lucense de Apicultores, terán lugar este venres e sábado, en horario de tarde no Salón de Actos da Deputación. De carácter gratuíto e abertas ao público, foron presentadas hoxe no Pazo de San Marcos. Un evento que pechará o domingo coa XXVI Feira do Mel de Lugo, que permitirá adquirir diferentes tipos de mel producidos en Galicia.

O Vicepresidente do Executivo e Deputado de Medio Ambiente,  Argelio Fernández Queipo, sinalou na presentación “o interese das xornadas para todas aquelas persoas que queiran iniciarse na apicultura ou que contemplen dar o salto da apicultura familiar a unha actividade profesional”. Ademais, Fernández Queipo avanzou que “segundo os datos que manexa o sector, a produción de mel este ano foi moi escasa, debido ás condicións meteorolóxicas adversas, polo que se agarda que o produto experimente unha considerable suba de prezo”.

A comercialización e a produción de propóleos e as últimas técnicas de erradicación da vespa velutina son outros dos temas das xornadas, que contarán con poñentes de referencia no seu campo. O goberno da Deputación colabora coa Asociación Provincial Lucense de Apicultores na organización do evento.

As xornadas arrincan o venres 28 de setembro ás 19.30 horas cunha charla sobre a importancia da apicultura na nosa sociedade, a cargo de Pablo Piñeiro Fraga, presidente da Asociación Provincial Lucense de Apicultores. As charlas continúan o sábado ás 16.00 horas coa intervención dun dos principais expertos na vespa velutina de Galicia, o entomólogo Manuel Corral Andrade, que falará da situación actual da vespa invasora e das últimas técnicas en trampas e atraentes. Ás 18.00 horas, o apicultor Francisco López Devesa, de Mieles Modia, expoñerá os pasos para pasar da apicultura familiar á apicultura profesional. E finalmente, ás 19.30 horas, o apicultor Román Cid Álvarez, presidente da Asociación Abellas Nais, centrará a súa intervención na produción e comercialización de propóleos.

O domingo terá lugar a XXVI Feira do Mel, na Praza da Soidade de Lugo de 10.00 a 17.00 horas, onde se poderán adquirir diferentes tipos de mel de Galicia. Nesta edición participarán 22 apicultores. O prezo do mel será de 8 euros o quilo e 4,50 euros, o medio quilo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com