" />

A Deputación leva a Pleno a aprobación do convenio para construír o Centro de Atención a Maiores de Pantón

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, levará ao Pleno ordinario deste mes de setembro, que se celebrará o vindeiro martes, a aprobación do convenio de colaboración entre a institución provincial e o Concello de Pantón para a construción do Centro de Atención a Maiores desta localidade por un importe de 1,7M€. En cinco anualidades, a Deputación aportará 1,4M€ e a entidade local 300.000€ para construír e poñer en marcha esta dotación social nun terreo situado no centro de Ferreira de Pantón.

A residencia terá capacidade para entre 30 e 39 prazas, distribuídas en 18 habitacións dobres e 4 individuais, máis 3 prazas en enfermaría. O Presidente subliñou que, con este acordo, que supón un paso determinante para a creación da residencia de Pantón, “queda demostrado de novo que na Deputación de Lugo cumprimos co compromiso adquirido co Concello e cos veciños e veciñas de facer unha residencia, que traballamos para os 67 concellos da provincia por igual, sexan da cor política que sexan, e que seguimos criterios obxectivos e sen sectarismos”.

Neste sentido, o Presidente lembrou que cando tomou posesión, en xullo de 2019, encargouse de formalizar o compromiso que existía co Alcalde de Pantón de construír un Centro de Atención a Maiores neste concello asinando ese mesmo ano un protocolo de colaboración, momento a partir do que a Deputación comezou a traballar na redacción do proxecto, que foi presentado aos veciños e veciñas o pasado mes de xuño nun acto público celebrado na Casa da Cultura da localidade.

Nese momento, José Tomé avanzou xa que estaba traballando para aprobación do convenio, unha proposta que eleva ao Pleno do vindeiro martes. A residencia de Pantón ofrecerá un servizo público asistencial de calidade e personalizado aos maiores, favorecendo o seu arraigo, ademais de crear emprego sostible no rural.

O proxecto da residencia de Pantón foi o primeiro da Rede Provincial de Centros de Atención a Maiores que se elaborou integramente contando co asesoramento do Servizo de Benestar da Deputación. “Isto ten a vantaxe de que se incorporaron todas as melloras que se foron detectando grazas á experiencia conseguida nas residencias que xa temos en funcionamento”, afirmou Tomé Roca.

“Será moi acolledora, tanto pola súa situación, en pleno centro de Ferreira, o que permitirá que os usuarios vivan plenamente integrados co resto da veciñanza, como polo seu deseño, pensado por e para as persoas, de tal xeito que favorecerá unha atención personalizada e unha convivencia agradable”, destacou sobre a nova dotación social. Así mesmo, a residencia desta localidade da Ribeira Sacra creará emprego e actividade económica. Aos en torno de 25 postos de traballo directos que xerará o centro, hai que sumar o emprego indirecto e o retorno económico que o funcionamento deste servizo terá para os negocios locais, tales como a farmacia, comercios, supermercados, hostalería ou
produtores de alimentos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo