A Deputación leva a Portugal os recursos turísticos da provincia no Expocidades 2019

O deputado de Turismo en funcións, Eduardo Vidal Baamonde, participou esta mañá na inauguración de Expocidades 2019, a feira turística do Eixo Atlántico, que se celebra na localidade lusa de Braga do 30 de maio ao 2 de xuño e na que a Deputación conta cun stand propio ao formar parte desta entidade de colaboración transfronteiriza. No marco desta mostra, o deputado en funcións tamén asistiu ao foro de traballo do Plan Estratéxico de Frontera no que expertos do Eixo Atlántico afondaron nas boas prácticas no eido turístico das fronteiras Europeas.

Esta mostra reúne a oferta turística dos municipios de Galicia e Norte de Portugal integrados no Eixo Atlántico co fin de promover turisticamente estes destinos nun mercado de proximidade e favorecendo deste xeito a relación directa entre axentes turísticos e comercializadores. De media, esta feira de turismo conta cuns 6.000 visitantes chegados de diferentes países de Europa.

Vidal Baamonde subliñou que “continuamos promovendo o turismo da provincia nas feiras e eventos turísticos máis relevantes do panorama turístico, dando a coñecer a enorme riqueza da nosa provincia, cunha oferta moi variada e singular. Expocidades é un escaparate idóneo para dar a coñecer a riqueza histórico-cultural, natural e gastronómica lucense no mercado portugués que continúa sendo o primeiro mercado internacional para Galicia”.

A Deputación puxo á disposición de todos os Concellos da provincia o seu stand de Expocidades para dar a coñecer e promocionar as potencialidades turísticas de toda a provincia. Nel repartirase entre os visitantes, xunto ao material de promoción turística dos concellos, os cinco novos folletos promocionais editados pola Deputación sobre os 4 xeodestinos da provincia de Lugo (A Mariña Lucense, Ribeira Sacra, Ancares Courel e Terra Chá), e outro especial dedicado á gastronomía lucense.

Ademais do espazo da Deputación, a provincia tamén estará representada polos Concellos de Lugo e Monforte de Lemos que terán stands propios na feira por seren municipios que integran esta entidade de cooperación transfonteriza.

A mostra está situada na praza da República, en pleno centro da cidade de Braga. O horario da feira será de 14:00 a 23:00 horas os días 31 e 1 e de 10:00 a 18:00 horas o día 2. A entrada é de balde. Paralelamente, haberá outras actividades como degustacións de produtos típicos de cidades, actuacións musicais e encontros turísticos para profesionais do sector. Tamén contará cun espazo para unha das últimas iniciativas do Eixo, o Foro Termal. A celebración de Expocidades comparte ademais espazo con outro evento enoturístico, o Vinho Verde Fest, o cal contribúe a dar maior visibilidade e dimensión a esta cita turística.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo