A Deputación organiza unha fin de semana repleta de actividades medioambientais

A Deputación de Lugo ten organizada unha fin de semana “verde”, chea de numerosas actividades totalmente gratuítas para participantes de todas as idades.

Os días 5, 6, 7 e 8 de marzo o Centro de Interpretación Terras do Miño, o Mazo de Santa Comba e a Casa das Insuas, acollerán conferencias, visitas teatralizadas, obradoiros para nenos ou roteiros para familias, entre outras, co obxectivo de dar a coñecer aos lucenses a riqueza natural e patrimonial da provincia e concienciar acerca da importancia da súa conservación.  Toda a información sobre estas actividades pode atoparse na web deputacionlugo.gal.

O Centro de Interpretación Terras do Miño (CITM) acollerá o día 5 de marzo, a partires das 19:30 horas, a conferencia Xestión de residuos orgánicos: a compostaxe, que ofrecerá o experto en agricultura ecolóxica Carlos Brea. A evolución e estadíos da compostaxe; os materiais máis axeitados; os factores que inflúen no proceso de compostaxe ou recomendacións de uso en especies hortícolas son algúns dos contidos que se abordarán na xornada.

O 7 de marzo , de 11:00 a 14:00 horas, neste mesmo Centro celebrarase un obradoiro gratuíto pensado para nenos de 6 a 12 anos, ¿Coñeces a teus veciños do río Rato?. Consta de varias partes, tanto teóricas como prácticas, coas que as nenas e os nenos aprenderán o significado de termos como especie, poboación, comunidade ou ecosistema; aprenderán sobre a fauna autóctona con xogos de fichas con animais e, para finalizar, realizarán un paseo orientado á busca de pegadas e rastros.

Para máis información e inscricións, os interesados poden entrar na web citada ou ben contactar telefonicamente no número 982 227 812.

Por outra banda, o conxunto etnográfico do Mazo de Santa Comba, dedicado á forza motriz da auga, acollerá diferentes eventos pensados para públicos de calquera idade, que arrincarán o sábado 7, ás 17:00 horas, cunha visita guiada que rematará cunha proxección audiovisual, totalmente gratuíta e de acceso libre ata completar aforo.

O domingo 8 de marzo, lucenses de calquera idade poderán coñecer polo miúdo o Mazo grazas a unha novidosa actividade: unha visita teatralizada, que dará comezo ás 17:30 horas. A participación está limitada a 15 persoas.

Os que o prefiran poderán realizar dous roteiros pola zona, Lendas do Mazo, que tamén están limitadas á participación de 15 persoas en cada quenda, e as cales comezarán ás 11:00 e as 12:30 horas. Ademais destas dúas actividades, a programación no Mazo continúa coas habituais visitas e rutas.

O sábado 7 de marzo, as visitas guiadas darán comezo ás 16:00 e ás 17:30 horas, e as rutas interpretadas ás 16:30 e ás 18:00 horas. Estas actividades tamén se celebran o domingo 8, malia que neste caso as rutas comezarán ás 11:30 e ás 16:30 horas, e as visitas ás 10:30, ás 12:00 e ás 16:00 horas.

Os interesados en coñecer máis polo miúdo o conxunto do Mazo de Santa Comba, no que se poden observar en funcionamento diferentes enxeños movidos pola auga (a presa e as comportas para desviar a auga do río; unha pesqueira; un muíño con dúas parellas de pedras de moer de granito; un mazo para traballar o metal; unha serra para cortar grandes pezas de madeira, e unha moa de afiar), poderán informarse e reservar a súa praza no teléfono 600 034 907 ou en www.museomazodesantacomba.org

O 8 de marzo, ás 10:00 horas, será a Casa das Insuas o escenario da actividade gratuíta para familias Inventario colectivo de Aves de Galicia, na que os participantes farán visitas á Lagoa de Cospeito e á de Caque, principais refuxios na Terra Chá das aves invernantes e coa que poderán aprender acerca da importancia das zonas húmidas para as aves migratorias.

Recoméndase levar roupa de abrigo, calzado axeitado, aparellos ópticos e coche propio para o desprazamento. Os interesados en participar nesta actividade en concreto poden dirixirse ao enderezo custodiadoterritoriogmail.com ou o teléfono 630 948 293.

 

Fotografía: www.turgalicia.es

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com