A Deputación promove 8 citas turísticas esta fin de semana

O Goberno da Deputación promove 8 citas turísticas na provincia esta fin de semana, que financia con 30.000 euros. Así o avanzou o Presidente, Darío Campos Conde, que explicou que son 8 citas turísticas que se celebran noutros tantos Concellos da provincia de Lugo, e que contan coa colaboración do organismo provincial.

Campos Conde apuntou que esta colaboración “enmárcase dentro da nosa aposta por dinamizar a economía local, a través do impulso turístico, promovendo citas en todos e cada un dos municipios da provincia”. Neste senso, Campos Conde lembrou que o organismo provincial promoveu na pasada anualidade 278 citas turísticas e culturais na provincia, nun total de 55 Concellos, ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo.

As citas festivas da provincia coas que colabora o executivo provincial son o XIII Criterium Aeronáutico, no aeródromo de Rozas e que se alargará ata o mércores 25; tamén unha festividade de recreación histórica se promove dende a Deputación esta fin de semana como é o XX Mercado Medieval de Alfoz.

Non podían fallar na provincia as celebracións en torno á música, así no Concello de Vilalba, este domingo terá lugar o Festival Internacional de Folclore; do mesmo xeito, a capital da provincia acollerá na praza da Soidade o II Festival de Blues (ou Blues Museum). Para rematar as citas musicais, Ourol acolle hoxe e mañá na parroquia de Santiago de Bravos, o VII Festival Aturuxo.

Doutra banda, mañá, Begonte acollerá a IV Ruta Cabalar. Para os amantes da gastronomía, Guitiriz acollerá sábado e domingo a XXIV Feira da Cantería dos Callos e da Artesanía de Parga; e Celeiro, a Festa da Pescada do Pincho, na que se degustarán máis de 2.000 racións deste peixe, que se acompañarán con música e queimada.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com