A Deputación recuperará a Casa da Botica de Guitiriz para convertila en Residencia

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou hoxe o proxecto para a construcción dunha nova Residencia Pública da Terceira Idade xestionada polo executivo provincial en Guitiriz. Con estas obras valoradas en 1,6 millóns de euros, o executivo aproveitará para recuperar o edificio histórico coñecido como a Casa da Botica no que se situará a residencia. Así o avanzou esta mañá o presidente da Deputación, Darío Campos, quen, acompañado da alcaldesa da localidade, Regina Polín, deu conta dos pasos a seguir para a construcción desta residencia que podería arrancar nos primeiros meses de 2019.

Carmen Lamela, representante de Falemos Claro, plataforma que recolleu máis de 2.500 sinaturas dos veciños de Guitiriz -que representan a metade da poboación- en defensa deste proxecto, destacou que “é un día moi especial. Presentáronse moitos conflitos técnicos, pero sabíamos que isto era cuestión de vontade política”.

No Concello de Guitiriz, precisamente hoxe, ás 10:00 da mañá tivo lugar o Pleno Extraordinario no que se aprobou o novo proxecto, cun incremento de 400.000 euros con respecto ao anterior. O PP volveu a votar en contra.

“En abril de 2011, asinei coa Deputación o convenio para facer a residencia. Logo tivo lugar o cambio de Goberno Municipal, deixei a Alcaldía e seguín loitando como Deputada para manter este investimento e este proxecto porque era necesario para Guitiriz. Houbo un grande movemento veciñal en apoio á residencia. No 2015, outra vez na Alcaldía, cremos que por fin todo ía saír. Pero o proxecto non cumpría coa normativa urbanística, tiña que agardar pola aprobación do PXOM, tamén paralizado durante 4 anos. Finalmente, fixemos unha modificación con axuda da Deputación e atopamos unha solución. Non foi nada doado. Quero agradecer todo o apoio da Deputación e especialmente de Darío. Sinto que este apoio non sexa unánime”, remarcou a Rexedora.

A Deputación achega ás obras 1,4 millóns de euros e o Concello 200.000 euros, supoñendo un total de 1,6 millóns. A Alcaldesa explicou que o municipio ten remanentes para esta achega pois decidiron reducir en 50.000 euros ao ano os custos políticos con respecto ao anterior Goberno local, aforrando a cantidade necesaria xa co obxectivo de sufragar o centro de maiores.

Trátase dun novo proxecto, pois o anterior contemplaba unha residencia e un centro de día. Regina Polín recuperou a antiga Casa dos Peóns Camiñeiros, habilitando un centro de día na mesma, que xa está en funcionamento. A residencia na Casa da Botica contará con 26 habitacións con posibilidade de seren dobres, podendo ofrecerse ata 52 prazas.

Negativa do PP

O voceiro do PP en Guitiriz, Xosé María Teixido, asegurou que “os populares non estamos en contra da Residencia, estamos en contra da ubicación que o Goberno local defende na coñecida como Casa da Botica”. O Grupo Municipal Popular guitiricense xa se ten manifestado en contra da construción dunha residencia para a terceira idade “nun edificio que consideran antigo con limitacións de espazo e problemas para a adecuación de saídas de emerxencia”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo