A Deputación renova o aparcadoiro e a pasarela dos Peares

O Presidente da Deputación de Lugo e responsable directo da área de Xestión Territorial, José Tomé Roca, supervisou o resultado dun conxunto de actuacións desenvolvidas pola institución provincial no concello de Carballedo, acompañado por un grupo de veciños e veciñas. Entre as obras acometidas, está unha de moito interese social no encoro dos Peares, onde “había problemas de drenaxe da auga no aparcadoiro, polo que foi preciso renovar esta zona e a estrada neste punto, e tamén arranxamos a pasarela de acceso a pé que presentaba desgaste polo paso do tempo”, concretou Tomé Roca. “Son obras con moita importancia social porque melloran a seguridade e a comodidade dos usuarios da rede viaria, e polo tanto melloran e achegan os servizos públicos”, asegurou o Presidente.

En concreto, cun investimento de 32.400€, actuouse en dúas estradas onde se detectaron problemas de drenaxe das augas que dificultaban a circulación cando chovía. É o que acontecía na vía LU-P-1010, que conecta A Touza coa Granxa, pasando pola presa dos Peares. Nesta estrada, á altura do quilómetro 2,7, existía un problema de drenaxe das augas pluviais, polo que foi preciso reperfilar as cunetas do aparcadoiro do pantalán dos Peares e formigonalas. Á súa vez, realizouse a canalización das augas e renovouse o firme deste espazo co fin de que se rematasen este problemas que afectaban á vía cando chovía moito. No encoro dos Peares tamén se reparou a pasarela de acceso para garantir e reforzar a seguridade das persoas que acoden a este lugar, e colocouse a cruz de San Andrés, repoñendo a estrutura para unir as vigas.

Doutra banda, a Deputación tamén mellorou a estrada provincial LU-P-1001, que une os núcleos da Barrela e Os Peares, pasando por Castro. Entre os puntos quilométricos 16,385 e 16,770 realizouse, en primeiro lugar, unha limpeza das cunetas e despois formigonáronse para que o sistema de drenaxe das augas sexa o máis eficaz posible. O Presidente sinala que “estas actuacións reafirman o compromiso e as prioridades do  Goberno coa mellora das comunicacións e a seguridade vial na provincia. Unha rede de estradas en boas condicións é fundamental para o desenvolvemento rural, xa que achega servizos e permite fixar poboación”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com