" />

A Deputación urxe á Xunta a reformular con máis profesionais e mellor organización a Atención Primaria

A Deputación de Lugo urxe á Xunta de Galicia a reformular a Atención Primaria no Servizo Galego de Saúde (Sergas) co obxectivo de que sexa máis eficiente en canto á atención á veciñanza e á xestión. Unha decisión que foi acordada no Pleno ordinario de novembro, ao aprobarse unha moción defendida polo PSdeG, que contou vos votos a favor de socialistas e nacionalistas, e en contra do PP.

A voceira socialista do Goberno explicou que dende hai un tempo existen numerosas reivindicacións e queixas por parte de pacientes e traballadores pola deficiencia de recursos materiais e humanos “froito das políticas de recortes executadas polo Partido Popular na Xunta de Galicia e, no seu momento, polo Goberno de España”. Indicou que “Galicia afronta a situación cun problema de persoal grave no sistema sanitario público” e engadiu que “temos sensación de desatención ante a precariedade da nosa sanidade”.

A administración provincial insta a que se reforce o cadro de persoal con máis especialistas e pide a mellora das condicións de eventualidade para os profesionais do Sergas, facendo contratos máis estables. A voceira socialista do Goberno tamén puxo o foco en que se debería implantar unha xerencia de atención primaria en cada Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI), dotándoa de recursos e autonomía de xestión, á vez que se promova a conexión entre os servizos de saúde mental e a atención primaria.

García Porto expuxo con datos que Galicia “é a terceira peor comunidade autónoma de España en ratio de médicos e médicas por habitante, aproximadamente 450 por cada 100.000 habitantes, cando a medida do país é dos 480”. Tamén subliñou que é a terceira comunidade con peor ratio de enfermeiros e enfermeiras por paciente con 5,4 por cada 100 habitantes, cando a media española está no 5,9 e 8 a europea. “Temos, ademais, a peor ratio de profesionais en saúde mental, e estamos por debaixo da media estatal en matronas por habitante, e en pediatría non chega ao 90% de prazas de atención primaria cubertas por pediatras, mentres comunidades en situacións parecidas, como Asturias, supera o 98%”.

“A poboación non está satisfeita, a sanidade deteriorouse nos últimos anos, e non só o ve a veciñanza, senón tamén as multinacionais que veñen instalarse á nosa provincia para facer negocio ao haber nicho de mercado, non veñen para salvar a sanidade”, manifestou a Deputada. Nese sentido, puxo o foco en que “a xente con poder adquisitivo e recursos acude á privada para poder ter unha atención que na pública non consegue, pero os que non os teñen quedan desatendidos e sen ter o que lles é de xustiza”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo