A Deputación ve no concurso de baristas de Foz unha “aposta” pola profesionalización do sector

A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, e o Deputado de Participación Cidadá, Roberto García, acudiron este xoves ao XIII Concurso Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería que tivo lugar no IES de Foz. “Dende a Deputación apoiamos estas iniciativas que contribúen a profesionalizar un sector, o da hostalería, que é fundamental para a economía da comarca”, dixo Loureiro. Os responsables provinciais fixeron entrega de varios premios do certame, organizado polo instituto mariñán, para o que a Deputación de Lugo achega 3.000€.

Retransmitida un ano máis en directo pola Escola de Servizos Audiovisuais da Deputación, esta edición do concurso contou coa participación de alumnos de 13 escolas de hostalería de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Castela e León.

Xoel Carreira Campa, do centro de formación profesional Paseo das Pontes da Coruña, foi o gañador do campionato internacional de baristas na categoría de escolas de hostalería. A segunda clasificada foi a alumna da escola vasca de Gamarra Maialen Delgado Fernández de Arroyabe e o terceiro premio levouno a representante da escola de hostalería focense, Perla Daniela Sención. No transcurso do certame, os participantes elaboraron os seus cafés de diferentes formas e aplicando as técnicas, habilidades e coñecementos adquiridos. As mostras foron avaliadas por unha vintena de xuíces, encargados de facer a degustación e valorar aos participantes.

“Esta  cita congrega cada ano a estudantes e a profesionais dispostos a conseguir os trofeos que os recoñecerán coma os mellores baristas ou catadores de café. Este premio é toda unha carta de presentación nun sector chave no desenvolvemento do potencial turístico e os campionatos son unha boa ocasión para desfrutar en directo das habilidades dos mellores”, subliñou Roberto García.

Pola súa banda, a Deputada de Muller e igualdade asegurou que “a formación de persoas interesadas por especializarse en sectores punteiros sempre é motivo de cooperación. Grazas a elas temos traballadores eficientes e preparados”. Mañá, ás 9:00 horas, a XXIII edición deste concurso de baristas rematará co VIII Campionato Internacional de Baristas Profesionais e unha charla, ás 14:00 horas, co enxeñeiro  agrónomo Juan Rodríguez Urquía, que falará do cultivo biotecnolóxico do café. Un día máis, haberá degustacións de repostería e café de 9:30 a 13:00 horas abertas ao público.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com