" />

A dirección provincial do PP afea a Tomé o abandono da Deputación do stand de Turismo de Galicia

A directiva provincial do PP de Lugo analizou na reunión que celebrou na tarde de hoxe a decisión do goberno da Deputación de que esta institución non participe no stand en FITUR de Turismo de Galicia, a mesma decisión que adoptou a Deputación de Pontevedra. Os populares lucenses critican con dureza a citada resolución do socialista José Tomé, porque, segundo sinalan, repercute negativamente na proxección da imaxe turística de Galicia e sinaladamente da provincia de Lugo. Tanto a presidenta provincial, Elena Candia, como o portavoz do PP na Deputación, Javier Castiñeira, lamentan que Tomé opte polo enfrontamento coa Xunta en vez de por sumar para promocionar o turismo en Galicia.

A presidenta provincial do PP, Elena Candia, indicou unha vez máis que, a diferencia dos socialistas, os populares traballan para sumar no impulso da provincia de Lugo, en concreto, e de Galicia en xeral. Destacou o esforzo que leva a cabo a administración autonómica na promoción do turismo, que tanto precisa a provincia de Lugo. Tamén lamentou que a Deputación non poña en valor moitos dos recursos que dependen da súa xestión.

Por este motivo, Elena Candia manifesta que a Deputación precisa “un cambio de goberno”, xa que “antes de elixir a Lugo, elixen ao Partido. Tomé está a demostrar con esta decisión que é o secuaz de Pedro Sánchez. Se este é o liderado que pretende aplicar como dirixente do PSOE, os lucenses imos aviados”, afirma.

“Tomé ten 11 de 25 deputados e tomou unha decisión en nome de todos. É unha directriz que non me representa e seguro que tampouco a moitos alcaldes e a moitos lucenses. Lugo e a súa Deputación deben ter presenza no stand de Galicia. Estamos dentro desa marca da que nos sentimos orgullosos. Xa bastante dano está facendo o PSOE en Madrid para que Tomé se someta a ese socialismo destrutor do todo o que dá riqueza na nosa provincia”, remarca a dirixente do PP.

Pola súa parte, o portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, sinalou: “O futuro da provincia non pode estar supeditado ás comenencias do PSOE, que pretende unha vez máis utilizar as institucións como ferramenta, ou, mellor dito, como arma para o enfrontamento contra a Xunta de Galicia. O grupo provincial popular está en absoluto desacordo coa decisión de Tomé e da señora García Porto, responsable de Turismo da Deputación, de non asistir a FITUR da man de Turismo de Galicia, como sempre se fixo, e que tan bos resultados deu ata o momento”.

Castiñeira tamén di: “Esta decisión vai en contra dos intereses do sector turístico da provincia e, o que é peor, de moitos operadores e empresas lucenses, que ven como Turismo da Deputación se independiza do stand de Galicia, da marca que supón, especialmente nun ano Xacobeo, tan importante para Lugo porque pola nosa provincia pasan os tres camiños. Nós preferimos o camiño que une e non o que nos separa como pretende a Deputación de Lugo”.

Para os populares, “o turismo lucense non merece un goberno provincial que prime os intereses de partido por encima da proxección da nosa provincia nunha das feiras internacionais máis importantes do sector, como é FITUR”. Castiñeira puntualiza: “Non nos estraña a decisión, ante a analoxía do goberno de Carmela Silva en Pontevedra e o de José Tomé en Lugo: ambos presidentes gustan de mirar primeiro polos intereses dos seus amigos e achegados que dos intereses dos seus veciños; neste caso, os socialistas lucenses denotan maior debilidade e submisión e pouco liderado ao asumir como seus os complexos dos socialistas de Pontevedra”.

O grupo provincial do PP insta “unha rectificación do goberno provincial e aposta pola unidade, polo camiño que nos une e pola promoción turística conxunta con Galicia e non polo enfrontamento como pretenden Tomé e a señora García Porto”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo