O Museo Provincial de Lugo propón un achegamento á traxectoria vital e intelectual de Rosalía de Castro coa exposición “Rosalía. Proclamar ao mundo que Galiza existe”, unha vintena de paneis que afondan no contexto histórico en que desenvolveu a súa obra e a orientación e vixencia da súa produción literaria.
A mostra, que poderá visitarse dende hoxe, inaugurouse na tarde de onte cun coloquio arredor da autora, da man de Francisco Rodríguez, autor dos textos que fían a exposición, e especialista na figura de Rosalía, que abordou en diversas publicacións ao longo das últimas décadas, a última “Desvendando Rosalía e a súa obra”.
A mostra, que conta con debuxos de Pepe Carreiro e producida por Galiza Cultura, estrutúrase arredor de tres eixos fundamentais: a súa
biografía, presentada a través dunha narrativa cronolóxica accesible, o contexto histórico, social e cultural no que desenvolveu a súa vida e
obra, e a orientación e vixencia da súa produción literaria a través de fragmentos escollidos que ilustran o seu pensamento e a súa estética.