A Fiscalía querélase contra José Tomé por presunto acoso sexual e abuso no exercicio do cargo

A Fiscalía Provincial de Lugo presentou este luns unha querela contra José Tomé, tras recibir unha denuncia particular por feitos presuntamente delituosos contra unha muller en setembro do ano 2025.

Segundo o Ministerio Público, e á espera do resultado da investigación penal, os feitos denunciados poderían constituír un delito de acoso sexual ou, alternativamente, un delito de abuso no exercicio da función pública.

Posicionamento do BNG

Pola súa banda, o BNG lembrou que “esixiu a dimisión de Tomé como presidente provincial desde o primeiro momento, cando se coñeceu a denuncia o pasado 9 de decembro a través dunha canle interna socialista”. A formación nacionalista asegura que ese posicionamento foi determinante para a súa saída do goberno provincial e insiste en reclamar tamén a súa renuncia como deputado.

Os nacionalistas reiteraron ademais o seu apoio á denunciante e subliñaron a importancia de respectar os tempos e decisións das vítimas en casos de acoso sexual.

Reacción socialista

Fontes do PSOE lembraron que a organización anima sempre a denunciar este tipo de feitos, respectando que a decisión corresponde exclusivamente á vítima. Tamén destacaron a confianza na xustiza e lembraron que, ao pasar o caso á vía penal, o partido suspendeu o procedemento interno aberto no seu canal antiacoso.

Agora será a investigación xudicial a que determine o sucedido e, se procede, as responsabilidades correspondentes. Mentres tanto, mantense vixente o principio de presunción de inocencia.

O PP pide “coherencia” a PSOE e BNG

Desde o Partido Popular, o voceiro provincial Antonio Ameijide reclamou a socialistas e nacionalistas que “deixen de amparar de inmediato” a Tomé e que suspendan os acordos que manteñen con el tanto na Deputación como no Concello de Monforte, onde continúa na alcaldía.

Ameijide sinalou que, aínda defendendo a presunción de inocencia, a Fiscalía entende que existen indicios suficientes para exercer acción penal. Tamén criticou que, tras coñecerse os feitos, PSOE e BNG avalasen unha subida salarial do rexedor que supuxo, segundo indicou, “máis de 30.000 euros anuais adicionais procedentes da institución provincial”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com