A nova película de Asghar Farhadi chega a Codex Cinema

O director iraniano, dobre gañador do Oscar, regresa ás pantallas co seu último filme, Un heroe, un thriller sobre as dificultades da vida e a limitación das liberdades no Teherán actual.

Falar de Asghar Farhadi é facer referencia a un dos directores máis importantes do cinema mundial actual. Continuando a longa tradición de grandes cineastas persas, como Abbas Kiarostami, Jafar Panahi ou Majid Majidi, Farhadi converteuse nos últimos vinte anos nun retratista do seu país, e especialmente de Teherán, das xentes e das súas dificultades cotiás, ademais da represión, directa e indirecta, que sofren do seu goberno. Desde que no ano 2009 saltara a fama no Festival de Berlín con A propósito de Elly (Oso de Prata ao mellor director), o ascenso de Farhadi foi imparable. Con Nader e Simin. Unha separación volveu a ser elixido como o mellor director no certame berlinés, para despois alzarse tanto co Globo de Ouro como nos Óscar co galardón á mellor película estranxeira, éxito que repetiría no 2016 con O viaxante, sendo un dos escasos directores ao longo da historia en conseguir en dúas ocasións ese prezado premio, uníndose a nomes da talla de Ingmar Bergman, Federico Fellini ou Akira Kurosawa.

O cine de Farhadi narra fermosas crónicas da vida diaria de homes e mulleres sometidos a grandes presións sociais, familiares e morais, que a través das súas actuacións expoñen un problema da sociedade iraniana actual, como pode ser a diáspora ante a falta de oportunidades nun país en crise (A propósito de Elly), as dificultades para divorciarse nunha sociedade conservadora (Nader e Simin), os conflitos que existen entre as diferentes xeracións (O pasado) ou a dificultade para a creación artística nun país onde non existen liberdades (O viaxante). A pesar desta filmografía tan conflitiva, o estilo humanista e emocionante de Farhadi converteuno nunha figura respectada no seu país, pese a ter que loitar para superar a censura e os prexuízos que levaron á cadea a outros cineastas como Jafar Panahi ou Mohamad Rasoulof.

O éxito rotundo do seu cinema incluso levouno a filmar unha coprodución internacional ambientada en España, Todos lo saben, interpretada por Penélope Cruz e Javier Bardem, e que non terminou de funcionar debido a un gran cambio de rexistro.

Así, Un heroe supón o retorno de Farhadi ás personaxes, situacións e lugares que mellor coñece. Os dramas e dificultades aos que se enfrontan a clase traballadora iraniana. Neste caso, Rahim, un home que sae de permiso da cadea, onde fora condenado por un débeda que non pagara, e que ten un tempo limitado para conseguir que o home que o denunciou lle perdoe. Estamos ante un thriller social, que reflicte os problemas dos homes e mulleres común nun mundo cheo de obstáculos e prexuízos, e onde a avaricia e a envexa son a tumba da esperanza. Farhadi parece citar a clásicos neorrealistas como O ladrón de bicicletas de Vittorio de Sica ou Alemaña ano cero de Roberto Rossellini, pero en clave de filme de suspense que non deixa un segundo de respiro.

Un heroe presentouse no pasado festival de Cannes de 2021 na sección oficial entre grande expectación e foi recoñecida co Gran Premio do Xurado, ademais de ser elixida por Irán como a encargada de representar ao seu país nos Óscar de Hollywood. Despois de ter a súa presentación española no Festival de Valladolid do ano pasado, finalmente chega a Codex Cinema a nova película dun dos grandes autores do cinema contemporáneo

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com