" />
Reixtro Civil

A Oficina de Atención á Vítima e á Cidadanía de Lugo implanta a cita previa por internet

A Oficina de Atención á Vítima e á Cidadanía de Lugo comezou a proporcionar cita previa a través de internet para facilitar os trámites aos/ás usuarios/as e evitar, deste xeito, a coincidencia de varias persoas na súa sede, así como os desprazamentos innecesarios a ela. Na páxina web www.xustiza.gal pódese reservar cita para solicitar xustiza gratuíta para casos de municipios de fóra de Lugo ou para consultas xerais. Ademais, permite a descarga dos modelos que hai que cubrir para realizar xestións relacionadas con conciliacións, xuízos verbais, xurisdicións voluntarias e monitorios. Unha vez cubertos os formularios, deben entregarse na Oficina de Rexistro e Repartición, situada na planta baixa do edificio dos xulgados.

O sistema permite pedir cita para solicitar xustiza gratuíta para procedementos de municipios de fóra de Lugo ás 9 horas, todos os días. As tramitacións de xustiza gratuíta para asuntos de Lugo deben remitirse ao Colexio de Avogados da cidade. As consultas xerais atenderanse, de luns a venres, en horario de 9.20 a 13.20 horas, cada vinte minutos. Para solicitar información sobre procedementos abertos non é necesario reservar cita. Os/as demandantes poden realizar a súa petición a través do correo electrónico cidadan.vitimas.lugo@xustiza.gal, achegando un escrito asinado e unha imaxe do DNI por ambas as caras.

Lugo súmase, deste xeito, ás oficinas de atención á vítima e á cidadanía de Ourense, Pontevedra e Vigo na posta en marcha deste sistema de cita previa, que se implementará nos próximos días en todas as sedes de Galicia. Este novo servizo, cuxa implantación se realiza desde a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), dependente da Xunta, enmárcase dentro das medidas adoptadas na nosa comunidade para facer fronte á Covid-19 no ámbito da Administración de Xustiza.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo