A planificación do Barrio Multiecolóxico integrará o 92% das edificacións xa existentes na Garaballa

O Concello de Lugo busca que o futuro Barrio Multiecolóxico que se construirá en A Garaballa integre, na media do posible, as edificacións xa existentes nesta zona, agás aquelas que supoñan un gran impacto medioambiental, segundo sostivo a alcaldesa, Lara Méndez, durante a xuntanza que mantivo coa veciñanza da zona co fin de informarlles das características deste novo espazo urbano, “que será pioneiro e referente en España na aplicación de medidas sostibles tanto no concepto de barrio, como na planificación urbanística e edificatoria”.

Para poder delimitar esta integración, a empresa que está a deseñar as bases da planificación do barrio, a UTE Avento-Proy, desenvolveu un estudo de cada unha das edificacións levantadas. Do mesmo, se conclúe que se poderán manter o 92% dos 268 inmobles existentes. Detectáronse 22 con alto impacto ambiental, dos que catro son vivendas fóra de ordenación, abandonadas e deshabitadas, e 18 son elementos auxiliares e que están construídos na súa maior parte con fibrocemento, material altamente contaminante, chapa, plásticos ou restos de obra.

A rexedora estivo acompañada na xuntanza polo edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, e representantes da UTE, co fin, non só de informar aos veciños e veciñas de como se configurará o novo barrio, senón tamén de escoitar as súas propostas e de dar resposta ás súas preguntas. “Este será un proxecto colaborativo, polo que queremos abrir un canal de contacto convosco para que poidades consultar dúbidas e presentar suxestións”, apuntou.

Lara Méndez comentou que “a aposta verde neste espazo urbano, que nós cualificamos como aldea urbana, permitirá unha mellor calidade de vida. A loita contra o cambio climático é un reto e unha oportunidade, e nós orientaremos o barrio para xerar unha contorna urbana equilibrada, habitable e sostible, e que permitirá que a veciñanza adquira novos hábitos de vida máis saudables. Na nosa proposta consideramos criterios económicos, pero tamén valores ambientais e sociais”, dixo.

O novo barrio, que se desenvolverá en dous sectores da Garaballa, busca garantir a inclusión e a equidade social e interxeracional, así como promover a saúde e o benestar mediante o desenvolvemento dunha aldea urbana que proporcione á veciñanza un abano amplo de usos no barrio: vivenda, transporte, instalacións e servizos recreativos e comunitarios, espazos públicos e pequenos comercios.

Na planificación do barrio respectarase a vexetación existente, da que a empresa tamén desenvolveu un estudo, crearanse bosques urbanos e as zonas verdes e espazos libres serán cinco veces superiores en superficie á que establece o PXOM, e á destinada a equipamentos duplicará o previsto no Plan Xeral.

Durante a xuntanza, explicáronse algunhas das solucións que se prevén desenvolver e que van dende a recollida de auga de choiva para a súa reutilización, por exemplo no rego das zonas verdes, ata a implantación dun sistema propio de compostaxe da fracción orgánica do lixo. No deseño das edificacións esixirase a inclusión de criterios bioclimáticos e de eficiencia enerxética, e contará con medidas para a xeración de enerxía renovable, o fomento da mobilidade sostible, o uso de materiais e tecnoloxías limpas e o aforro enerxético, orientando os viais, zonas verdes ou inmobles para aproveitar o sol e os ventos dominantes.

A reunión enmárcase no proceso no que está inmerso o proxecto do barrio, o de deseñar – por parte da UTE Avento-Proy – as bases dos plans de actuación da zona, que logo serán desenvolvidos pola iniciativa privada. Neste proxecto cofinanciado pola Unión Europea, o Concello de Lugo está acompañado da Deputación de Lugo e tamén conta co labor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade Politécnica de Madrid.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com