A plantilla de Cementos Cosmos rexeita a oferta da empresa para pechar o convenio 2021-2022

Os sindicatos CIG e UGT, que ostentan a representación legal dos traballadores  da Fábrica de Cementos Cosmos en Oural (Sarria), informan que na Asemblea Xeral de Traballadores celebrada o pasado día 20 de xuño os traballadores rexeitaron unanimemente a última oferta de revisión salarial proposta pola empresa para o Convenio Colectivo da Fábrica de Oural 2021-2022.

Os sindicatos afirman que “esta oferta é inferior ás subidas salariais acordadas recentemente en convenios doutros centros de traballo pertencentes á mesma empresa e incluso é mais baixa que a presentada no mes de novembro, motivo polo cal os traballadores non poden aceptar esta proposta e a sensación xeral entre os mesmos é de descontento, xa que non ven recompensado o esforzo realizado nos últimos anos para sacar adiante a produción da fábrica, que partía dunha situación difícil debido a un período longo de parada”.

O novo convenio da Fábrica de Cementos Cosmos de Oural, que pertence á empresa cementeira Votorantim Cimentos España S.A., atópase en período de negociación desde xaneiro de 2021, período no cal a fábrica foi recuperando a súa cota de produción consolidándose como unha das fábricas líder do grupo cementeiro en eficiencia enerxética, economía circular, valorización e implementación de combustibles alternativos.

“Isto débese principalmente á enorme implicación e sacrificios que tódolos traballadores e traballadoras amosaron ao longo destes anos e semella que este compromiso co futuro desta factoría por parte dos traballadores non se valora por parte da dirección de Votorantim” sinalan dende os sindicatos que perciben “un malestar en aumento e certa indignación polo trato”

Así mesmo, CIG e UGT afirman que na Fábrica de Oural no ano 2012, antes de cesamento da súa actividade, os salarios eran superiores aos percibidos polos traballadores actuais contratados a partir de 2017, ano no que a fábrica retomou a súa actividade e produciuse a revisión do convenio á baixa.

O vindeiro día 29 está prevista una nova reunión, a fin de pechar canto antes unha negociación que leva xá en curso ano e medio e non descartan “mobilizacións no futuro, tal e como acordou a asemblea de traballadores e traballadoras que non están dispostos a permitir que se amplíen as diferenzas coas demais empresas do grupo e que esixen unha equiparación a medio prazo”.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com