A Pleno a modificación definitiva do PEPRI que permitirá acondicionar a esquina de San Roque e a Ronda da Muralla

O Goberno Local someterá á aprobación no Pleno ordinario do vindeiro xoves a aprobación definitiva do Plan Especial de Protección, Rehabilitación e Reforma Interior (PEPRI) do rueiro 214A, isto é, en fronte á porta de San Pedro, na confluencia da rúa San Roque, a Ronda da Muralla, Montero Ríos e Carril das Flores. O asunto foi abordado na Comisión de Desenvolvemento Sostible celebrada esta mañá.

Deste xeito, o Executivo de Lara Méndez dá un paso determinante de cara a posibilitar o desenrolo deste ámbito urbanístico e, con elo, o acondicionamento do entorno, o que contribuirá a mellorar radicalmente a imaxe, a seguridade e a accesibilidade dun lugar emblemático da cidade, pois nel conflúen dous patrimonios da humanidade, como é a Muralla e o Camiño Primitivo.

A modificación do PEPRI conta co visto e prace das direccións xerais de Patrimonio Cultural e de Urbanismo da Xunta e do organismo ICOMOS, co que o seguinte paso é a aprobación definitiva pola Corporación local.

Este paso sufriu unha demora dun mes, pois xa estaba previsto elevalo a Pleno en decembro, por “un capricho” dos grupos da oposición, que decidiron en bloque non acudir á Comisión de Desenvolvemento Sostible despois do retraso do Concelleiro da área, Daniel Piñeiro, a raíz dun erro na hora de inicio da reunión. “Unha vez máis, quedou demostrado quen está a traballar pola cidade e quen está por bloquear”, subliñou Piñeiro.

O desenvolvemento do ámbito urbanístico existente entre San Roque e a Ronda levará consigo tres actuacións fundamentais na vía pública: a eliminación da pasarela existente, dar continuidade á beirarrúa de San Roque ata unila coa de Montero Ríos e ampliar o Carril dos Fornos, á súa vez tramo do Camiño Primitivo. Todo isto supoñerá un cambio extraordinario na zona, que ademais mellorará a seguridade e a accesibilidade de peóns e vehículos.

O impulso desta medida forma parte do modelo de cidade polo que traballa o Goberno liderado por Lara Méndez, máis accesible, cómoda, humana e con máis espazos públicos para uso público.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo