A Residencia centra as terceiras xornadas Urbes Habitables

A terceira edición de Urbes Habitables de Lugonovo reuniu esta mañá unha trintena de persoas para poñer en perspectiva o barrio da Residencia. Co obxectivo de analizar as necesidades do barrio e especialmente dar voz a persoas que residen nel, Lugonovo puxo en contacto con esta iniciativa á veciñanza local con representantes públicos e con persoas expertas en varios ámbitos de especial importancia para a zona como son o urbanismo ou os servizos sociais. Entre as persoas que se deron cita nas xornadas estiveron os representantes municipais de Lugonovo (Cristina Pérez Herraiz, Victoria Esteban Riesco e Víctor Álvarez Arias), así como o portavoz de En Marea no Parlamento Galego Luis Villares Naveira e a deputada desta formación na mesma cámara Paula Vázquez Verao.

Desde as 11 da mañá sucedéronse varias poñencias no local social da Caixa Rural Galega na rúa Doutor Ochoa 1 arrincando con “O Barrio da Residencia na búsqueda dunha nova identidade”. Neste bloque, Manuel López Guitar, membros do Gabinete de Arquitectura e Urbanismo (gaU), fixo un repaso pola historia do barrio e avogou porque os poderes públicos dean voz á cidadanía a hora de definir o barrio que esta quere habitar. Durante a súa exposición puxo como exemplo “les machines de l’île” da cidade francesa de Nantes, un proxecto de recuperación urbana arredor das figuras de Leonardo da Vinci e Xulio Verne a través das asociacións socioculturais que recuperaron o espazo portuario, fortemente ligado á identidade cidadá, até convertelo nun referente internacional deste tipo de procesos. A idea da identidade do barrio percorreu con forza toda a súa exposición.

A segunda quenda foi a da traballadora social Marisé Fernández Méndez e do médico Bernardino Pardo Teijeiro baixo o título “A Residencia: urdindo comunidade”. Marisé Fernández centrou a súa intervención na necesidade de servizos sociais como base dunha sociedade dado que “sosteñen a vida” e neste sentido chamou a combater o dobre xogo das administracións cando os degradan para restrinxilos en base á súa suposta ineficacia. Bernardino Pardo denunciou as situacións criticábeis que detecta na área da Sanidade e que cuestionan o propio sistema de saúde como servizo público, ao tempo que defendeu que sexa a veciñanza da Residencia a que decida “cara a onde quere que o barrio vaia”. “Se un barrio non toma parte nas decisións que lle afectan, temos un problema” aseverou.

A veciñanza tivo voz representada no bloque “Porta con porta: o reto da veciñanza” por Veli Sánchez Freire e por Rafael Fernández Ferreiro, quen lembraron o drástico proceso de peche de negocios logo do peche do vello xeral e as consecuencias que isto tivo na degradación das condicións de vida dos residentes. No debate posterior interviron outros veciños e veciñas presentes entre o público que refrendaron este testemuño e expuxeron outras carencias do barrio. Por último, a portavoz municipal Cristina Pérez e Luís Villares defenderon a implicación cidadá para a rexeneración do barrio e reclamaron que “a xente sexa escoitada”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com