A Asociación Cultural Penas de Rodas xa prepara a 46 edición da súa tradicional romaxe, que terá lugar o vindeiro 28 de xuño na contorna natural de Penas de Rodas, en Outeiro de Rei.A xornada combinará música, artesanía, xogos tradicionais e gastronomía co obxectivo de poñer en valor o traballo tradicional e promocionar os produtos da terra. O pregón correrá a cargo do músico e artesán Lis Latas.
Entre as actividades programadas destacan a VI Feira de Artesanía e Produtos da Terra, exhibicións e competicións de billarda, xogos populares, teatro e as actuacións musicais de Son de Lugh e Panosedán. A romaxe, que xurdiu da iniciativa veciñal para conservar e dinamizar este espazo natural e recreativo, consolídase como unha das citas culturais e festivas máis emblemáticas da comarca.






