A segunda carreira do calendario do circuíto municipal popular celebrarase este domingo a partir das 12.00 horas nas inmediacións do centro comercial lucense, cun total de 2.237 persoas inscritas, unha cifra que supera amplamente a da primeira proba do ano, celebrada hai pouco máis dun mes en formato nocturno.
A principal novidade desta segunda carreira é o cambio no trazado da categoría absoluta, que se amplía polas rúas 8 de Marzo e Leira Mollada ata completar 5.720 metros. As distancias adaptaranse ao resto de categorías:
Sub14 a Sub16: 1.700 metros
Sub10 a Sub12: 900 metros
Mini: 300 metros
O circuíto combinará tramos de asfalto e terra arredor dos aparcadoiros, zonas verdes anexas e contornos da Residencia de Maiores Albertia, sen afectar á circulación periférica. O acceso ao centro comercial realizarase pola parte inferior, mentres que a saída de vehículos estará habilitada polo aparcadoiro superior.
Camisetas oficiais para participantes
As persoas que rematen a carreira e figuren nas clasificacións finais poderán recoller a camiseta oficial do circuíto 2026 —patrocinado pola empresa láctea galega Larsa— entre o 20 de abril e o 24 de maio no punto de información da planta superior do centro comercial, en horario comercial de luns a venres.






