A Toscana en Codex

Esta semana en Codex Cinema viaxamos a esta idílica rexión italiana para ver unha comedia subversiva e diferente, un filme francés de equipa polaca que xira arredor das circunstancias vitais dunha escritora gañadora do Premio Nobel nun momento de cambio radical na súa vida.

Un atardecer na Toscana foi un dos grandes triunfadores do último festival de Sundance polo seu estilo desenfadado e a súa fina ironía contra as conviccións da nosa sociedade. Estamos ante un filme que pese a ser unha comedia onde as paisaxes e as personaxes estrafalarias dominan a situación, ten a capacidade para falar do noso presente, da crise dos refuxiados e das diferencias entre Occidente e Oriente, mais tamén das rupturas xeracionais entre unha protagonista que se criou na Europa liberal e contestataria dos anos noventa e o seu amante exipcio que nada sabe deses acontecementos.

Jacek Borcuch, o responsable do filme consegue una cinta ecléctica e sorprendente, que fala do noso tempo e da nosa sociedade de forma crítica sen renunciar aos risos. Desenfadada e tráxica ao mesmo tempo, o filme está sendo un dos fenómenos do cinema europeo desta tempada.

En Codex Cinema moitas veces non chegan a tempo as moitas grandes películas que se estrean en España, por iso volven a elas en canto poden. É o caso de Sombra, o último filme do autor chinés Zhang Yimou, un dos grandes cineastas deste país desde os anos oitenta. Yimou comezou facendo un cinema social e comprometido, criticando as dificultades e diferencias das minorías, a desigualdade das mulleres ou os problemas na educación e na sanidade. Mais nos últimos anos, o recoñecemento internacional e a progresiva aceptación do seu cinema por parte das autoridades e o público chinés fixo que tivese acceso a maiores presupostos e medios para facer cinema. Todo comezou con Heroe, una actualización de Rashomon de Kurosawa onde Yimou utilizaba o inmenso tecido histórico do seu país para facer un filme prodixioso sobre a verdade e a mentira e sobre o compromiso dos gobernantes. Despois chegaron outros traballos onde mesturaba o rexistro histórico co desbordante e exuberante filme de artes marciais, filmado case de forma espectral e expresionista.

Tras anos alternando ese rexistra máis intimista con outro máis xigantesco e ambicioso, agora presenta Sombra que, sen dúbida, pertence aos filmes do segundo grupo. Nesta ocasión adapta unha historia do Romance dos Tres Reinos, a novela épica chinesa por excelencia. Alí se narraban os

derradeiros anos da Dinastía Han, a disolución do imperio chinés e uns anos convulsos na loita polo poder. Un xigantesco texto histórico-didáctico onde se sentan as bases ideolóxicas milenarias da China e que é utilizado continuamente polo cinema dese país. Así, Yimou filma unha das moitas historias que contén a novela, rescatando os temas predilectos do seu cinema: a responsabilidade dos gobernantes e as loitas polo poder. Unha película tan espectacular como rigorosa, un traballo exemplar para coñecer a historia e a cultura chinesa nun filme épico de acción.

O cinema chinés é un dos máis reputados do mundo e que maiores eloxios está recibindo nos cines Codex desde que abriron. O monumental drama dostoyevskiano An Elephant Sitting Still do finado Hu Bo, o drama de vinganza e amores fatais A cinza é o branco máis puro e o prodixioso exercicio de estilo de Bi Gan Longa viaxe cara a noite demostran o bo momento desta filmografía e agora chega o veterano Yimou para continuar o éxito deste cinema en Codex Cinema.

 

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Avatar
    Lucia Barcelos
    Xuñ 30, 2019 - 12:15 AM

    Reguliña

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo