" />

A Universidade da Coruña deseña un modelo de vivendas comunitarias para maiores do rural

O Presidente da Deputación de Lugo xunto ao Alcalde de Xermade, Roberto García pernas, a Vicerreitora de Infraestruturas e Sustentabilidade da Universidade da Coruña (UDC), Amparo Casares Gallego, e o director da Escola de Arquitectura da UDC, e Plácido Lizancos, participou este martes na Casa Habanera de Roupar, en Xermade, na presentación dos resultados dun convenio de colaboración a través do que a institución provincial achegou 35.000€ á UDC para desenvolver un traballo de estudo e deseño dun prototipo de equipamento dotacional para persoas maiores no rural galego.

No acto tamén estiveron presentes Luz Paz Agras, doutora arquitecta e investigadora principal do traballo, e Fernando Agrasar Quiroga, doutor e director do Grupo de Investigación en Composición Arquitectónica da UDC.

A iniciativa, que se artellou en torno ás edificacións da Casa Reitoral e da Casa Habanera de Roupar e que contou coa estreita colaboración da Asociación de Veciños deste núcleo e do Concello, ten carácter experimental e define un modelo de vivendas comunitarias con servizos asistenciais, actividade sociocultural e recursos que é replicable a outros lugares da provincia e de Galicia.

O equipamento deseñado, que recibe a denonimación de Casa da Veciñanza, busca o envellecemento activo e favorecer que as persoas maiores se poidan quedar a vivir na súa localidade ou zona de residencia contando cos recursos axeitados para poder facelo, o que axuda a fixar poboación.

O Presidente enmarcou o convenio coa UDC para elaborar este traballo de estudo e deseño de novos modelos de equipamentos dotacionais para persoas maiores na aposta da Deputación “pola colaboración coa Universidade pública para apoiar a investigación e a innovación, e transferir eses coñecementos á sociedade e ao tecido produtivo para impulsar o seu desenvolvemento e progreso”. “Penso que as administracións acertamos cando nos achegamos á Universidade buscando aplicacións prácticas para a investigación ou estudos especializados sobre calquera cuestión. Así o fixemos neste caso dende a Deputación, apoiando un proxecto para elaborar un prototipo de equipamento para as persoas maiores en Roupar”, asegurou José Tomé.

O mandatario provincial agradeceu “o gran traballo” a todo o equipo universitario que participou nesta iniciativa, un labor “que supera os límites do que é unha proposta arquitectónica, e que se amplía ata configurar unha reflexión sobre a realidade sociolóxica do noso rural e dos nosos maiores”.

O Presidente puxo en valor a colaboración da Asociación de Veciños de Roupar e do Concello de Xermade para elaborar o estudo, asegurando que este é “un bo exemplo dos beneficios que ten para a sociedade a colaboración entre o movemento asociativo, a Universidade pública e as institucións”.

Así mesmo, José Tomé explicou que as políticas sociais son unha prioridade para a Deputación de Lugo. De feito, lembrou, o Goberno provincial dedícalle a este eido máis dun terzo do total dos Orzamentos da institución, que conta cun amplo sistema de protección social do que forman parte unha rede propia de centros públicos de atención a persoas maiores; a colaboración económica cos concellos da provincia para que poidan prestar o Servizo de Axuda no Fogar e o servizo de teleasistencia domiciliaria as 24 horas do día totalmente gratuíto para os usuarios e usuarias.

Neste sentido, explicou o Presidente, o modelo proposto no estudo académico da Universidade da Coruña é distinto do que ten implantado a Deputación nos seus centros de atención a maiores, pero, en todo caso, “as conclusións e as reflexións metodolóxicas” que se inclúen no traballo “servirán, sen dúbida algunha, de gran axuda de cara ao futuro, á hora de seguir deseñando equipamentos públicos que de verdade respondan ás necesidades reais dos nosos maiores e do noso rural”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo