Curros tivo acertos xeniais, pero pecou de excesivo optimismo ao considerar ao ferrocarril como o Cristo dos tempos modernos cando chegou a Ourense a primeira locomotora.
Nas terras de Lugo, as vías polas que circula o tren partiron pola metade vilas como Parga ou Rábade, e non o fixeron coa capital porque a erección da cidade en lugar prominente impediu que as vías arrasaran coa vida urbana. Lugo, que abriu porta na muralla para que por ela entrase ese progreso, do entusiasmo inicial pasou ao esquecemento, e o tren foi superado a toda velocidade pola febre automobilística na que entramos en canto o permitiu a economía, que non sabe de estacións e de horarios.
Durante o último medio seculo, Lugo estivo arredado do tren porque o tren arredaba a Lugo, e mentras as altas velocidades, os trens de cercanias e os suburbanos triunfaban como modernos cristos, a esquecida, desde o alto, miraba de esguello o esmorecemento ferrocarrrilano e potenciaba solucións alternativas para conectarnos co mundo.
No camiño reservado para o ferrocarril andan a traballar intensamente na intermodal descoñecida que resuma e xunte os sistemas de conexión… E desde o alto da cidade miramos curiosos eses singulares esforzos, que nos parecen chegar tarde, dun sistema que nos ten acostumados á desesperanza e que menospreciamos por coidar que nos esquece.
Mentras nalgúns lugares as vellas vias do tren dan paso a camiños abertos ao lecer e á natureza. a nós prométennos modernidades que agardamos co excepticismo do que sabe que os esforzos e os adiantos van por outras vías.
En Lugo o tren tennos acostumados ao velas vir do progreso alleo, ás velocidades que corren lonxe, e ao chegar con retraso de algo que xa non agardas.



