A vergoña de Eurovisión

Se aínda hai alguén devoto de Eurovisión, a elección de canción e representante por parte de España é para quitarlle toda a ilusión, ou darlle ánimos polo feito de que unha canción en inglés poida encaixar mellor nun festival europeo, no que hasta participa Azerbaijan. A España, vaina representala unha canción en inglés. E ninguén dimite. Ninguén cesa. Ninguén se avergoña.

En 1968 -pleno franquismo-, Manuel de la Calva e Ramón Arcusa, o Dúo Dinámico, compuxeron a canción “La, la, la”, que foi elixida para representar a España en Eurovisión, e ía ser cantada por Joan Manuel Serrat. Este, ademais de en castelán, cantouna noutros idiomas, promocionouna por Europa, e uns días antes do festival empeñouse en cantala en catalán no festival; alomenos algunhas partes. A discusión subiu de ton, apartárono do festival e tivo que vir Massiel desde México onde estaba actuando para facerse cargo da representación –daquela considerada vital para España- no festival que acabaría gañando.

En 1968 non se puido cantar en catalán porque era un festival no que participaba España. Corenta e oito anos despois vaise cantar en inglés nun festival no que España participa sendo, por primeira vez, representada no idioma das Illas Británicas.

Parece que no eido da canción, da representación, da identidade, do idioma (dos idiomas) non só non se evolucionou nada neste case medio século senón que se retrocedeu varios centos de anos. E vendo o espectáculo montado pola televisión oficial e o resultado, sometendo a votación presuntamente democrática asuntos que nada teñen que ver coa democracia, non poido evitar deprimirme e laiarme do papanatismo nacional; do papanatismo dos que organizan acontecementos coma este.

E o de retroceder varios séculos dígoo, e os galegos sabemos disto, porque esa representación en inglés antóxaseme parella ao que acontecía no tempo en que Galicia non tiña voto nas Cortes de Castela e era representada pola cidade de Zamora, desde mediados do século XV ata o primeiro cuarto do século XVII. Recuperar o voto, daquela, costounos 100.000 ducados. A ver o que nos costa, en diñeiro, en imaxe ou en vergoña, volver ser representados nun idioma que entendamos todos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com