A Xunta abre o prazo para participar na campaña Modo Verán Activo con máis de 2.500 prazas en Lugo

A Xunta de Galicia abriu o prazo de inscrición para os campamentos, minicampamentos e campos de voluntariado incluídos na campaña Modo Verán Activo, que este ano oferta un total de 2.593 prazas en instalacións da provincia de Lugo. No conxunto de Galicia, a cifra supera as 11.900 prazas. A programación está dirixida a nenos, nenas e mozos de entre 9 e 30 anos.

O delegado territorial, Javier Arias, destacou que a maior oferta e tamén a máis demandada polas familias é a dos campamentos de verán, destinados a rapaces e rapazas de entre 9 e 17 anos.

Durante os meses de xullo e agosto organizaranse 34 quendas con distintas temáticas en sete instalacións da Xunta repartidas pola provincia: Area (Viveiro), A Devesa (Ribadeo), Os Chacotes (Palas de Rei), Benigno Quiroga (Portomarín), o albergue LUG II (Lugo), o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Becerreá e o Centro de Inmersión Lingüística dos Peares (Carballedo).

Entre as novidades desta edición figura a ampliación de prazas no campamento Aventura de Montaña en Becerreá, así como nos campamentos de música, tecnoloxía e emprendemento que se celebrarán no LUG II.

A oferta complétase cos minicampamentos Coñece Galicia, dirixidos a nenos e nenas de 9 a 12 anos. Neste ámbito, Carballedo acollerá o Mini Adventure Camp, con 60 prazas, que terá lugar no Centro de Inmersión Lingüística dos Peares.

Campos de voluntariado

No relativo aos campos de voluntariado para maiores de 18 anos, o programa incorpora tres novas propostas na provincia: Monte Cido, en Folgoso do Courel; Territorio Sonoro, no Incio; e Fervenza das Polancas, en Quiroga. Ademais, recupérase o campo de Samos.

Tamén se celebrarán os campos de Ancares (Navia de Suarna), Castro e Romaría de San Lourenzo (A Pobra do Brollón), Xuventude é Camiño (Palas de Rei) e o do Castro de Viladonga (Castro de Rei).

Prazo e solicitudes

O prazo de inscrición para campamentos e minicampamentos estará aberto ata o mércores 29 de abril. As solicitudes deben realizarse a través da sede electrónica da Xunta, e a adxudicación de prazas farase mediante sorteo, dando prioridade este ano ás persoas que non participaran nunha actividade asignada directamente na fase de sorteo de 2025.

Para os campos de voluntariado en Galicia, o prazo tamén remata o 29 de abril e as solicitudes tramitaranse mediante un formulario no portal de Xuventude. No caso doutras comunidades autónomas, o período será do 22 ao 29 de abril, mentres que para os campos no estranxeiro xa está aberto desde o 5 de marzo. Nestes últimos, as prazas asignaranse por orde de inscrición.

Outras actividades

A campaña inclúe tamén actividades concertadas en instalacións xuvenís organizadas por asociacións, entidades e administracións públicas. Desenvolveranse en varios emprazamentos da provincia como Area, A Devesa, Benigno Quiroga e Os Chacotes.

Ademais, a mediados de maio abrirase o prazo para un programa de ocio educativo, alternativo e saudable destinado a persoas de 18 a 30 anos. Lugo acollerá tres destas propostas: Surf na Mariña (A Devesa), Aventura na Montaña (Cervantes) e o Xeocampamento nas Montañas do Courel, este último con dúas quendas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com