A Xunta abre o prazo para solicitar 160 prazas do programa de ocio xuvenil para maiores de 18 anos

A Xunta de Galicia abriu este mércores o prazo para solicitar unha das 160 prazas do programa específico de actividades de ocio dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos dentro da campaña Modo Verán Activo. O anuncio realizouno a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, durante unha visita ao Acampamento O Courel.

Segundo explicou a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, o programa ofrece actividades de “ocio educativo, alternativo e saudable” adaptadas aos intereses deste grupo de idade. A iniciativa, posta en marcha en 2024, continuará este ano tras a boa acollida da primeira edición.

As actividades teñen como obxectivo fomentar competencias e habilidades a través da educación non formal e permitir aos participantes coñecer a xeografía e o patrimonio natural, cultural e etnográfico de Galicia.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 25 de maio a través do Portal de Xuventude, e as prazas asignaranse por orde de inscrición.

O programa distribuirase en cinco propostas de cinco días de duración en diferentes puntos de Galicia. Entre elas figura Aventura na montaña, que se desenvolverá do 9 ao 12 de xullo en Cervantes, con actividades de sendeirismo e obradoiros creativos.

Tamén se inclúe Artesanía nas mans, prevista do 15 ao 19 de xullo no albergue xuvenil de Allariz e organizada en colaboración coa Fundación Pública Artesanía de Galicia. A actividade centrarase na experimentación con técnicas tradicionais galegas como os tecidos ou o barro.

No Courel haberá dúas quendas do Xeocampamento nas montañas do Courel, entre o 15 e o 19 de xullo e entre o 22 e o 26 do mesmo mes. O programa inclúe visitas guiadas, iniciación á espeleoloxía e actividades de barranquismo.

A oferta complétase con Surf na Mariña, do 26 ao 30 de agosto no campamento xuvenil A Devesa, en Ribadeo, con actividades acuáticas e de multiaventura, e con Ecoverán termal en Laias, en Cenlle, centrado no patrimonio natural e cultural da contorna e con visitas a distintos espazos de Galicia e Portugal.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com