A Xunta advirte sobre a licenza urbanística da praza de touros de Triacastela

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) advertiu nun escrito datado o 18 de Agosto sobre a carencia da preceptiva licenza urbanística para a colocación da praza de touros portátil que se instalou no municipio de Triacastela a pasada fin de semana, o que suporía un novo espaldarazo para os veciños que cuestionan a realización dun acto cruento cos animais na súa vila. A APLU avanza ao denunciante, un veciño do municipio, que da traslado das denuncias tanto á Consellería de Presidencia, competente en materia de espectáculos públicos, como á Consellería de Cultura, que asumiría o outorgamento das autorizacións por estar afectadas pola contorna da Igrexa de Santiago de Triacastela e formar parte do Camiño Francés, recentemente declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

Neste senso a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas subliña que “a actitude e a operativa que está a seguir este concello lucense vai culminar un cúmulo de despropósitos que comezaron coa intención de organizar unha tourada nun lugar sen interese nin afección, seguindo coa denegación do permiso da DGT para que un suposto vehículo turístico protaurino transitara pola estrada e agora cunha instalación que non contaría coa licenza urbanística e que se puido levantar sen a mesma”.

Mentres a veciñanza e os empresarios locais continúan a cuestionar a corrida de touros e xa colocaron os cartaces informativos facilitados pola coalición abolicionista baixo o lema “Este negocio non apoia ás touradas”. Resulta significativa a éstrana conceptualización do turismo da propia rexedora de Triacastela, que prefire un día de eventos taurinos a fornecer o paso de peregrinos durante todo o ano.

Así, dende a plataforma convidan á cidadanía a participar na protesta convocada por “Lástima de Bois” este sábado 22 ás 17:30 horas, e lembran que foi a mobilización social a que xa rematou cos subsidios aos espectáculos taurinos na Coruña, e a que continúa a facer presión para abolir unha actividade marxinal en Galicia. Só 3 municipios galegos continúan a organizar estes actos, para os que transfiren importantes subsidios públicos.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com