A Xunta adxudicará a terceira Fase do polígono das Gándaras esta semana

A Xunta avanza que o vindeiro mércores, 30 de marzo, celebrarase unha reunión do Consello de Administración de Xestur, onde se adxudicará as obras de urbanización da Fase III do parque empresarial das Gándaras, por 1,5 millóns de euros. Así llo adiantou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, durante a sinatura das escrituras de cesión das zonas verdes, viarios, aparcadoiros e dominio público da Fase II desta área económica.

Esta nova fase implica aumentar o parque nunha superficie bruta de 55.768 m 2 , dos cales
se destinarán a parcelas 35.424 m 2 , é dicir, definiranse 25 novas parcelas que os interesados xa poden adquirir presentando a súa oferta ao concurso convocado para a adquisición de solo empresarial -por Xestur en febreiro-, que tamén se pecha o vindeiro mércores. A conselleira detallou que existen tres parcelas de gran tamaño (dúas de 2.698 m 2 e unha de 5.252 m 2 ) e as restantes teñen entre 992 e 1.200 m 2 , tamén se disporán case 140 prazas de aparcamento.

Asemade, indicou que a proposta que se ratificará o vindeiro mércores fixa un prazo de execución de nove meses; polo que se os traballos avanzan ao ritmo esperando e non se rexistran incidencias, as obras deberán rematarse a finais deste mesmo ano ou principios de 2023. Ángeles Vázquez destacou que esta zona do concello de Lugo ten mudado moito desde o 2008 cando se iniciaron as obras da primeira fase, na que se construíron 118 parcelas que suman unha superficie de 372.845 m 2 . Posteriormente, abordouse a segunda fase, que supuxo habilitar 12 novas parcelas en 45.346 m 2 e 530 prazas de aparcamento.

“Hoxe a Xunta cede ao Concello as zonas verdes, viarios, aparcadoiros e zona de dominio público da fase 2 deste parque empresarial, terreos que suman un valor de case dous millóns de euros”, destacou Vázquez Mejuto.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com