" />

A Xunta anuncia que as pallozas de Piornedo estarán rematadas no verán

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a reunión da comisión de seguimento do convenio de colaboración entre a Deputación e a Xunta de Galicia para a rehabilitación e posta en valor do núcleo de Piornedo, no concello de Cervantes, co que se pretende impulsar o seu potencial cultural e turístico.

Durante a xuntanza púxose de manifesto que as pallozas, que constitúen o seu principal reclamo turístico, estarán arranxadas durante o verán. As obras de reparación dos teitos deron comezo esta mesma semana e contan cun prazo de execución de tres meses.

Así mesmo, o proxecto de iluminación pública está tamén adxudicado, pendente, segundo se informou, de autorizacións por parte dalgúns propietarios de bens afectados.

O terceiro proxecto comprometido no convenio é o de saneamento e depuración, que o concello dividiu nunha fase inicial e outra de prolongación. A primeira fase está á espera de que o concello de Cervantes remita ao Servizo de Urbanismo da Xunta documentación complementaria que lle foi requirida o pasado mes de novembro. A fase de prolongación aínda non foi presentada neste organismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Na reunión de hoxe participaron todos os membros da comisión de seguimento. Pola Deputación Provincial, o secretario xeral, José Antonio Mourelle Cillero, e Ana Belén Mera, xefa da Unidade de Proxectos; e pola Xunta, a delegada territorial, Raquel Arias e José Luis Maestro, director de competitividade de Turismo de Galicia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo